Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A marca promove a sinalización inversa da ruta dende o Obradoiro e a creación dun roteiro a pé polos catro concellos

- A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, convidou a realizar “esta viaxe máxica que rememora a primeira peregrinación a Santiago”

PresentacionMdS1

20 de xaneiro de 2023.
“Máis produto,máis promoción e máis servizos” é a aposta de Mar de Santiago para seguir atraendo persoas ao territorio formado polos concellos de Catoira, Valga, Vilanova e Pontecesures. A presentación do Xeodestino turístico, esta mañá en Fitur, avanzou as liñas mestras a seguir durante este ano para redoblar o número de visitas, especialmente a través do turismo de grupos, en base ao recollido no plan estratéxico da marca, fomentando a creación de novos produtos que consoliden a Mar de Santiago como un destino de interese e que permitan diferenciala doutras zonas. A presentación contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López.

Entre estas iniciativas atópanse a sinalización inversa da ruta dende a Praza do Obradoiro e a creación dunha ruta a pé para que os peregrinos poidan realizar o traxecto entre Vilanova e Pontecesures, ou viceversa, pasando polos catro concellos Así mesmo, incentivarase o investimento turístico en Mar de Santiago para mellorar a oferta existente en consolidar o territorio como referente para galegos e foráneos, poñendo de manifesto a súa importancia como zona na que naceu o fenómeno das peregrinacións a Compostela.

Do mesmo xeito, continuarase a promoción de Mar de Santiago en distintas feiras sectoriais de carácter nacional e internacional dando a coñecer o xeodestino aos diferentes públicos (tanto profesionais como finais), coa fin de seguir acadando novos fitos na historia deste xeodestino que, xa nos dous últimos anos, derivou nun notable incremento no fluxo de visitantes, cifrado en arredor dun 30% cada ano. O pasado verán foron máis de 3.300 as persoas que descubriron de primeira man a ruta “Traslatio”, seguindo o mesmo percorrido que fixeron os restos do Apóstolo Santiago no século I, e a estación marítima recibiu neste bienio case 18.000 visitas. Isto, sumado á boa acollida que tivo a excursión Mar de Santiago, que se puxo en marcha o pasado verán, e que combina a viaxe marítimo-fluvial coa terrestre para difundir a ampla gama de recursos culturais, espectaculares paraxes naturais, delicias gastronómicas e o patrimonio histórico co que contan os concellos adscritos á marca.

Mar de Santiago está comprometido co desenvolvemento sustentable polo que, a través dun plan de acción pola paisaxe, adoptaranse medidas para minimizar o impacto da súa actividade, nunha aposta decidida polo turismo sostible, tendo en conta que este xeodestino é unha oportunidade única de gozar da beleza e da riqueza do territorio

Juan Manuel Vidal Seage, alcalde de Pontecesures, falou en representación “dun xeodestino que atesoura unha tradición xacobea milenaria, que foi obxecto de ataques vikingos, normandos e sarracenos fai centos de anos e que sobreviviu intacto ata os nosos días”. Tres anos atrás, lembrou, “ninguén sabía que Santiago tiña mar”, pero “grazas á determinación destes catro concellos, agora temos un xeodestino que conxuga o inmenso tesouro cultural que é a Traslatio cun incomparable patrimonio gastronómico”, coa anguía, a lamprea, os mariscos e os viños como principais referentes.

O rexedor cesureño convidou a todos a experimentar “a particular singradura” de Mar de Santiago, percorrendo o único Vía Crucis marítimo do mundo e “descubrindo o mellor de nós”.

Nava Castro definiu Mar de Santiago como “unha viaxe máxica que rememora a primeira peregrinación a Santiago” e incidiu en que se trata da única ruta xacobea recoñecida que non é terrestre. Pola súa parte, o delegado territorial sinalou que este xeodestino que se asenta “nun produto turístico de enorme forza e nivel como é a Traslatio”, o que a converte nunha “marca poderosa e atractiva e un exemplo do emprendemento de catro concellos que innovan e arriscan”.

PresentacionMdS2 PresentacionMdS3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver