- Bello Maneiro interveu en representación dos 63 concellos que aparecen recollidos na publicación

- A concelleira Carmen Gómez acompaña ao rexedor na Feira Internacional de Turismo, e mañá unirase tamén a edila de Turismo, Malena Isorna

 fervenzasfitur1

Valga, 18 de xaneiro de 2023.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez están xa na Feira Internacional de Turismo, onde este mediodía participaron na presentación de “Fervenzas de Galicia, poema visual”, un novo produto promovido por Turismo de Galicia para potenciar o turismo de natureza e, en concreto, os espazos naturais vencellados coa auga.

Bello Maneiro interveu no acto en representación dos 63 concellos que aparecen recollidos nesta nova guía turística, na que Valga é un dos grandes expoñentes coas fervenzas de Parafita e Raxoi. A multitude de ríos, regatos, torrentes e mananciais existentes en Galicia atopan no seu percorrido dificultades que salvan creando espectaculares saltos de auga. “Son zonas privilexiadas que paga a pena contemplar e que, ademais, ofrecen diferentes imaxes ao longo das diferentes estacións do ano. No verán son un fantástico para relaxarse e gozar das panorámicas e, en invernos chuviosos coma este, permiten apreciar toda a forza da natureza”, sinalou o rexedor, que agradeceu a Turismo de Galicia e á súa presidenta, Nava Castro, que contribúan con esta publicación á posta en valor do patrimonio natural dos concellos rurais.

A guía recolle unha escolma das fervenzas máis salientables de Galicia, clasificadas en trece grupos segundo a característica que mellor as define: a súa altura, o abondoso caudal, a formación de pozas... As fervenzas de Valga aparecen recollidas no apartado “Fontes revuldeiras”. Forman un itinerario, a carón do río Valga e localizado entre os núcleos de Parafita e Raxoi, que permite gozar dunha fermosa paraxe de bosque de ribeira, con muíños restaurados, pasarelas e pontes de madeira que conectan as dúas fervenzas. Na de Parafita destaca un salto de auga que salva unha parede rochosa de seis metros de altitude, formando unha poza de singular beleza. Continuando o percorrido río arriba, atópase a fervenza de Raxoi, nunha paraxe máis recollida que crea un lugar perfecto para descansar rodeados dos sons da natureza. Sobre elas o alcalde indicou que “as augas do río Valga, que desembocan no Ulla, foron as que impulsaron no século I os restos do Apóstolo no seu percorrido cara a Compostela.

Bello Maneiro aproveitou para animar a visitar Valga, “as terras da Bella Otero e onde contamos con outros moitos recursos de interese para os turistas coma o Belén Artesanal en Movemento”, incidindo na privilexiada situación xeográfica na que se atopa o concello, “a vinte quilómetros de Santiago e das Rías Baixas”.

A delegación valguesa en Fitur completarase mañá coa chegada da concelleira de Turismo, Malena Isorna, para continuar promocionando Valga e o territorio Mar de Santiago, no que están integrados tamén os concellos de Pontecesures, Catoira e Vilanova.

fervenzasfitur           fervenzasfitur3

Parafita Raxoi

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

Volver