Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A morte de Isabel II, a guerra en Ucraína ou a vaga de incendios forestais son algunhas das incorporacións

- O nacemento, que estará aberto ata o día 8 de xaneiro, cumpre a edición número 28

Belen2223 1

Valga, 4 de decembro de 2022.
Un ano máis, e xa van 28 edicións, a apertura do Belén Artesanal en Movemento dá o tiro de saída ao Nadal en Valga e na súa contorna. A presidenta da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, o alcalde, José María Bello Maneiro, e a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras, foron os encargados de abrir a cortina que cubría o nacemento e revelar, así, o segredo mellor gardado: as novas incorporacións recreando os grandes acontecementos que marcaron o ano 2022.

A morte da raíña Isabel II é un destes fitos, co cadaleito da monarca británica e o cortexo fúnebre percorrendo o Belén e unha réplica en madeira da Abadía de Westminster, na que se celebrou o funeral. Ademais, tamén hai espazo para o novo rei, Carlos III, e os seus problemiñas cos tinteiros que tanto deron que falar.

A guerra en Ucraína é outra dos sucesos de repercusión mundial que se engade ao nacemento, cun edificio bombardeado que ben podería representar a calquera cidade do país e que reflexa e destrución material e humana que está a causar o conflito bélico no leste de Europa. Non falta a figura do presidente Zelenski nunha visita ás tropas.

En clave máis rexional, recréase a vaga de incendios forestais que sufriu Galicia no pasado verán, como unha homenaxe a todas as persoas que loitaron contra o lume. As Tanxugueiras, unhas das protagonistas indiscutibles do pasado ano no ámbito cultural e do espectáculo, contan coa súa figura actuando no Benidorm Fest, e tamén pode verse “As dúas Marías”, as irmás compostelanas inmortalizadas na famosa escultura da Alameda de Santiago.

No apartado local dedicado a Valga as principais novidades son unha impresionante réplica da igrexa de Cordeiro, que loce ao carón da Procesión dos Lacóns, unha das tradicións máis senlleiras de Valga; o Encontro cos Nosos Maiores, que anualmente reúne nunha comida de confraternidade, á poboación máis veterana do concello; e un recoñecemento á piragüista valguesa campiona de España Nerea Novo Romero. Ademais, réndese homenaxe póstuma a Manuel Míguez Lodeiros, párroco de Campaña durante 51 anos falecido o pasado Nadal e que, dende os comezos, se encargaba de bendicir o Belén Artesanal na súa xornada inaugural.

Nesta ocasión, a bendición correu a cargo do novo sacerdote da parroquia, Arturo Lores, nun acto presentado por Héctor Bermúdez e no que o alcalde destacou o “traballo extraordinario” que realiza a asociación Amigos do Belén, “dedicándolle horas e días para que nós poidamos gozar deste nacemento do que nos sentimos tan orgullosos”. Nava Castro sinalou que o Belén “non só é un orgullo para Valga, senón que é o orgullo de toda Galicia, un referente e unha cita ineludible do Nadal”.

Nesta edición a Asociación Amigos do Belén realizou unha colaboración co colectivo de mexicanos en Galicia “Chinchenitza”, coa colocación dun nacemento tradicional de México, que ten como características que as figuras atópanse ataviadas co traxe tradicional mexicano, aparecen tamén mariachis e sempre conta cunha piñata con sete puntas que simbolizan os sete pecados capitais.

O Belén Artesanal estará aberto ata o día 8 de xaneiro nos seguintes horarios: de luns a venres, de 17:30 a 20:30 horas; os sábados de 17:00 a 20:30; e os domingos e festivos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20.30 horas. Para visitas de grupos fóra deste horario pódese solicitar cita a través do número de teléfono 630 95 25 15.

Declarado de Interese Turístico de Galicia, conta cunhas 4.500 pezas dispostas nuns 400 metros cadrados. Ambientado nunha vila galega (Valga) o percorrido permite contemplar paisaxes e costumes propias do rural galego, que conviven con escenas da tradición belenista e do Nadal. Ademais, o Belén recrea acontecementos de actualidade, converténdose nun anuario que repasa os sucesos máis relevantes do ano a nivel local, nacional e internacional en ámbitos coma a política, o deporte ou o entretemento. O seu carácter artesanal é o seu principal sinal de identidade, con pezas feitas a man.

Belen2223 2 Belen2223 3

Tanxugueiras Morte Isabel II 2

Vaga Incendios DSC 0840

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver