Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Noa Cortés, Sandra Calvo e Sara Gómez foron as autoras das mellores historias de terror

- Recibiron unha mochila e lotes de libros, entre outros agasallos

PremiosContos1

Valga, 16 de novembro de 2022.

As gañadoras do concurso “Cóntame un conto de medo”, organizado polas bibliotecas municipais con motivo do Samaín, recibiron onte os premios, nun acto celebrado no Auditorio e ao que asistiu a concelleira de Educación, Carmen Gómez.

O certame estaba dirixido a alumnado de Educación Primaria dos colexios Baño-Xanza e Xesús Ferro Couselo e as gañadoras foron Noa Cortés Barreiro, na categoría de Primeiro Ciclo de Primaria, e Sara Gómez López e Sandra Calvo Caamaño, na categoría de Segundo Ciclo de Primaria.

Os premios consistiron nunha mochila, unha bolsa para a merenda, unha libreta e un lote de libros.

Estes son os contos cos que se proclamaron gañadoras:

“Xoán e lobo”, de Noa Cortés Barreiro

Xoán estaba paseando polo bosque e veu unha casa vella abandonada. Entrou a investigar. Na porta había un cartel que poñía “Coidado co lobo”. Escoitou un ruído. Asustouse e mirou na porta. Era unha bruxa! Escoitou unha voz e unha risa malvada, “jajaja”.

Quixo saír correndo, pero o lobo non lle deixaba saír. Chovía moito con tronos e raios, Xoán morría co medo, pero de súpeto unha luz iluminou toda a habitación de cor violeta. Era un raio! Nese momento puido ver que non era unha bruxa, senón que eran señora Maruxa e o seu can, e non o lobo, que co ruído do trono tamén morría de medo.

Cando saía pola porta veu o cartel que poñía “Ollo ao can” e non “Coidado co lobo”.

------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

“O home de negro”, de Sandra Calvo Caamaño

Chámome Sarah, son bastante baixa, rubia e teño os  ollos de cor verde, e gústanme moito as películas e series de terror. A miña favorita é “El retorno de las brujas”.

Estou de camiño á casa da miña amiga para ir a recollela e dar un paseíño.

Chámase Hanna, ela é alta, loira, ten os ollos marróns, deportista e encántalle facer viravoltas e acrobacias.

Ao chegar, tócolle ao timbre e marchamos falando a mercar un xeado para tomalo no noso banco favorito.

Pero Hanna hoxe cóntame que pola noite levantouse a mirar pola xanela e veu a un home nunhas fincas de millo que están preto da súa casa, e que lle pareceu que facía xeitos de que estaba a facer meigallos. Contoume que veu como se iluminaba o ceo ao erguer as mans...

A verdade, pensei que me estaba a contar unha troula, pero vina moi asustada e intentei calmala dicíndolle que seguro que fora a súa imaxinación.

O resto da tarde sentinme observada, como se alguén nos estivese vixiando.

Como era a noite de Samaín quedamos a pasar a noite xuntas, como faciamos sempre, e este ano tocaba na súa casa. Mercamos doces nunha tenda preto da súa casa e puxémonos a ver películas de terror cos nosos pixamas favoritos.

Á media noite sentimos un ruído moi forte e rapidamente miramos pola xanela. Estaba a chover e o millo movíase dun lado a outro e víase a alguén camiñando.

Sen pensalo dúas veces, fomos cun chuvasqueiro a investigar quen era o que andaba polo millo e, ao chegar, había un home vestido totalmente de negro que nos observaba fixamente e Hanna recoñeceuno coma o home que vira a noite pasada.

O home de negro comezou a recitar unhas palabras e producíronse uns sons coma se caera un raio, e o ceo púxose dunha cor morada.

Pechei os ollos pola luz e, cando conseguín abrilos, alí estabamos Hanna e máis eu nun lugar moito máis gris, pero a miña amiga converteuse en pedra e, cando a toquei, desvaneceuse como se fora area.

A continuación escoitouse unha voz que me dicía “Se non queres que che pase o mesmo que á túa a miga tes que lograr escapar”. O millo transformouse nun labirinto e tiña que escoller o camiño correcto. Adentreime no labirinto e fun escollendo camiños dirixíndome por unha luz tenue que vía ao fondo.

Despois de camiñar polo labirinto atopeime cun lago coa auga de cor negra e verde, atravesado por un tronco longo e estreito, e eu comecei a atravesalo. De repente empezou a moverse, era unha bruxa que me perseguía, así que caín e xa no lago algo me agarrou o pé. Eran uns tentáculos desa bruxa. Non se como, pero conseguín escapar e cruzar a lagoa. No final había unha parede sen saída e a única forma de saír dese labirinto era escalando, así que me puxen a escalar, pero era moi esvaradío e estiven a punto de caer en varias ocasións.

Cando cheguei arriba era un bosque, as fincas de millo desaparecera e unicamente había un camiño. Chegando ao final vin unha silueta de alguén e empecei a correr na súa dirección, e cando me acerquei vin que era a miña amiga Hanna.

Saímos dese bosque que estaba preto da súa casa e puidemos regresar.

De repente, cando xa estabamos no seu cuarto, díxome “Eu non son Hanna”, e transformouse no home de negro.

Espertei no cuarto de Hanna pero estaba eu soa.

Baixei as escaleiras e vin a súa nai e pregunteille onde estaba Hanna. Respondeume que ela non tiña fillos, que miña nai estaba traballando e eu quedara a durmir na súa casa.

Días despois dinme conta que ninguén coñecía a Hanna, coma se nunca existira.

Anos máis tarde sigo sen saber que lle pasou a Hanna.

------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

“O fin do camiño”, de Sara Gómez López

Todo comezou un 29 de outubro de fai catro anos, cando un grupo de cinco amigas decidimos facer o Camiño de Santiago. Paula e Lorena escoitaran falar que era unha experiencia marabillosa, por iso contabamos os días para comezar a nosa viaxe. Preparamos todo nunha pequena mochila para non levar moito peso: unhas mudas de roupa, tiritas, un chuvasqueiro...

Saímos de Tui ás oito da mañá e as dúas primeiras etapas levámolo xenial. Coñecemos a un montón e xente coa que pasabamos a tarde e coa que vivimos cousas moi especiais, pero sobre todo moitas risas. O 31 de outubro chegamos a Caldas e, como nos atopabamos tan ben, decidimos seguir camiñando pola tarde para así rematar antes o Camiño e pasar máis días en Santiago.

Luis e Pedro, uns peregrinos portugueses que coñecemos en Redondela e que xa era a terceira vez que facía o Camiño, dicíannos que para elas era a etapa máis bonita e decidiron vir con nós.

Todo se empezou a complicar, o ceo escureceuse e, de súpeto, cunha forte tormenta empezaron a caer unhas grandes gotas de auga. Botamos a correr para buscar un sitio onde abrigarnos. Cando xa levabamos un bo tempo buscando, atopamos unha casa abandonada e decidimos entrar. Sentámonos nuns vellos sillóns que estaban alí e, de repente, escoitamos un pequeno ruído ao carón de Luana e, como ela sempre está bromeando, non lle demos moita importancia. Pero cada vez os ruídos eran máis fortes e máis próximos a nós. Mirámonos os uns aos outros e, sen pensalo, saímos correndo.

Centos de morcegos sobrevoaban polas nosas cabezas e coas súas ás tocaban a nosa cara. Decidimos tapala cos sacos de durmir o que facía que non viramos nada ben. O camiño estaba cheo de auga e notabamos que algo batía coas nosas pernas. Pensamos que era chuvia pero, cando Zaida e Luis sacaron as súas lanternas, vimos centos de ratas que subían polas nosas roupas. Berrabamos e saltabamos sen saber que facer ata que Pedro nos indicou que nos botásemos a rolos para que así se fora, e así foi. Abrazámonos con forza e seguimos.

Un cartel dicíanos que só quedaban dous quilómetros para chegar ao albergue de Valga, pero uns metros máis adiante vimos como, de todos lados, saía xente coa roupa rachada e chea de sangue. Non o podiamos crer, queriamos que fora un soño, pero non era así.

Uns ataron a Zaida e Pedro, outros levaron a Luis e Paula e aos demais tapáronnos os ollos. Só escoitabamos gritos dos nosos compañeiros e fortes golpes. Leváronnos a rastro, tiraron os nosos corpos e, cando xa estaba todo en silencio e sacamos a venda dos ollos, só vimos que estabamos nunha carballeira cuberta pola néboa. Os lobos comezaron a ouvear, cada vez máis e máis. Aquilo era arrepiante! O medo case non nos deixaba respirar e o noso corpo xa non podía máis, polo que nos quedamos durmidos ata que a luz do sol nos fixo espertar.

Nunca máis soubemos dos nosos amigos, pero di a lenda que cada 31 de outubro en Valga os morcegos volve voar, as ratas correr e o lobo volve ouvear!!

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver