Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A limpeza da zona permitiu sacar á vista os restos dos antigos fornos de cocción de tella

- O interese patrimonial destes fornos preindustriais motivou este proxecto, subvencionado pola Consellería do Medio Rural

ObrasTelleiras1

Valga, 3 de outubro de 2022.

As antigas telleiras de Roeiro e Padín, ambas sitas no lugar de Vilar (Cordeiro) e ata hai unhas semanas ocultas pola maleza, emerxeron de novo á beira do Ulla como parte do patrimonio etnográfico e cultural. Os traballos de limpeza e posta en valor que se están a executar deixaron de novo á vista os restos das estruturas destes dous exemplos da arquitectura tradicional vencellada á industria de produción de cerámica, que tanta relevancia acadou na zona.

A actuación, que leva a cabo a empresa Zona de Obra – O Rosal S.L., céntrase na roza e limpeza da contorna das telleiras e do camiño de acceso, coa retirada de maleza e escombro; a limpeza en seco das estruturas que se manteñen en pé e a delimitación da zona cunha varanda rústica de madeira, co obxectivo de frear o deterioro das edificacións e darlle a importancia cultural, patrimonial, histórica e ambiental que teñen.

En ambos casos aínda se conservan as estruturas das edificacións principais, as que estaban destinadas á cocción de produtos cerámicos, principalmente tella e ladrillo. A telleira de Padín mantén parte da cuberta en forma de cúpula e tamén a estrutura de ladrillo, en forma de grella, sobre a que se colocaban as tellas para a súa cocción. A de Roeiro destaca pola súa forma circular, o que a converte nunha das máis singulares de cantas existiron na contorna do Ulla.

Nas dúas se percibe claramente a zona destinada a leñeira, un terreo en pendente no que se gardaba a leña e dende o que se introducía na boca do forno cando este se poñía en funcionamento. Tamén se conservan algúns restos das edificacións secundarias dedicadas ao descanso dos telleiros e son visibles algúns tramos das canles que permitían o atraque das embarcacións para o transporte de barro e tella.

A produción de tella e ladrillo nestes rudimentarios fornos na zona do Ulla tivo o seu auxe na segunda metade do século XIX. No século XX, coa industrialización do sector produtivo, as telleiras comezaron a decaer e foron substituídas por factorías como Novo y Sierra, fundada no ano 1921.

A telleira de Roeiro, da que se descoñece a data de construción, foi abandonada en 1945 debido ás dificultades que presentaba para o cocido da tella na cámara circular e a que o tanque só se podía usar en preamar. A telleira de Padín é a única da área do Ulla da que se sabe con exactitude a súa data, xa que foi a última en construírse en 1942. Estivo en activo ata 1960.

A actuación de posta en valor estase a financiar cunha subvención da Consellería do Medio Rural, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

ObrasTelleiras4 ObrasTelleiras3

ObrasTelleiras2

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver