- Será gratificada con 600 euros e a súa obra representarase o vindeiro 26 de maio, dentro dos actos da recreación da Batalla de Casaldeirigo

- É a segunda vez que esta moza de Vilares se proclama vencedora do certame, a anterior en 2014 con “Dádelles caña!”

batalla2

Valga, 19 de marzo de 2018.

A obra “A memoria da terra”, escrita por Iria Esperón Abril, proclamouse gañadora do Premio de Teatro “A Guerra da Independencia en Valga”, ao que concorreron tres traballos relacionados co episodio da revolta popular dos veciños de Casaldeirigo contra as tropas francesas acontecida no ano 1809, durante a Guerra de Independencia.

O xurado estivo integrado polo director da Escola Municipal de Teatro, Manuel Solla Barragáns, un membro do servizo de Normalización Lingüística do Concello, e as concelleiras de Educación e Cultura, esta última con voz pero sen voto. Valoraron, ademais da calidade das obras, a viabilidade da súa posta en escena, tendo en conta que será representada ao aire libre e por actores afeccionados: integrantes da Escola Municipal de Teatro e veciños de Casaldeirigo que nas próximas semanas comezarán os ensaios. A montaxe poderá verse na tarde do 26 de maio, dentro dos actos da recreación da Batalla de Casaldeirigo.

Iria Esperón recibirá un premio de 600 euros e colaborará na dirección da obra, reservándose o Concello os dereitos de reproducción, distribución, comunicación pública e transformación da obra en todo o territorio da Unión Europea para a súa explotación, execución teatral, edición e produción.

É a segunda vez que esta moza de Vilares e de 21 anos, se proclama gañadora deste premio de teatro, a anterior no ano 2014 con “Dádelles caña!”. Esta mañá, cando lle foi comunicada a nova por parte da concelleira de Cultura, amosouse contenta e tamén sorprendida, xa que “non esperaba gañar”. Explica que “a idea desta obra xa a tiña dende hai tempo. Aínda que hai que contar a historia e centrar a obra na Batalla de Casaldeirigo, en ‘A memoria da terra’ intento amosar algúns parelelismos entre aquel episodio histórico e a actualidade, poñendo aos personaxes en situacións que, salvando as distancias, poidan ter algún parecido ou provocar reaccións semellantes”.

Estudante de Bioloxía e Química, Iria Esperón reside na actualidade en Santiago. É unha gran afeccionada ao teatro e, de feito, ata que tivo que deixar Valga por mor dos seus estudos, formou parte da Escola Municipal de Teatro. “É algo que levo dentro”, afirma, “e que sigo facendo sempre que podo”.

Concurso de debuxo para elixir o cartel anunciador

Tamén en relación á próxima edición da Batalla de Casaldeirigo, o Concello de Valga e a asociación Heroes de Casaldeirigo teñen en marcha a primeira edición do concurso infantil de debuxo, un certame a través do que se elixirá o cartel anunciador do programa de actos.

Poden participar no concurso todos os nenos que o desexen ata os 16 anos de idade. Deben realizar un debuxo que obrigatoriamente ten que facer referencia á Batalla de Casaldeirigo e incluír o escudo do Concello e o seguinte texto: “Recreación Batalla de Casal do Eirigo. 26 de maio de 2018”.

O debuxo ten que ser inédito e de técnica libre, sempre que posibilite a súa reproducción impresa. A presentación será en tamaño A4 en orientación vertical. Os debuxos non poderán ir asinados, senón que levarán un lema no reverso que aparecerá tamén no sobre pechado no que se incluirán os datos persoais do autor, enderezo e teléfono. Enviaranse ao Rexistro do Concello antes das 14 horas do día 13 de abril.

O traballo gañador será o cartel anunciador da Recreación da Batalla de Casaldeirigo. Ademais, os tres primeiros clasificados recibirán un vale para material escolar. O xurado valorará tanto a orixinalidade dos debuxos como a capacidade creativa dos seus autores.

Cartel Batalladebuxos

 

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

Volver