Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde acudiu a felicitala e agasallouna cunha placa conmemorativa do seu 100 aniversario

- María, que tivo 6 fillos, 11 netos e 9 bisnetos, foi pandereteira durante anos

IMG 20220920 180849

Valga, 20 de setembro de 2022.

María Tarrío Campaña, veciña de Moldes (Cordeiro), únese ao club dos centenarios de Valga. Hoxe celebra o seu 100 aniversario e con este motivo recibiu a visita do alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira de Benestar Social, Begoña Piñeiro, que a felicitaron nesta xornada tan especial tanto para ela como para a súa familia.

Agasallárona cunha placa conmemorativa en recordo deste día, coa lenda “O Concello de Valga a María Tarrío Campaña no día en que cumpre os 100 anos”, e tamén cun ramo de flores e unha torta na que apagou as candeas co número 100.

María Tarrío naceu no seo dunha familia humilde de Moldes, sendo a mediana de sete irmáns. Como a maioría de mulleres daquela época, dedicou a súa vida a coser polas casas, ao coidado do fogar e ás tarefas do campo.

Ademais, quedáballe tempo para participar en seráns, ruadas e xuntanzas que antano eran habituais nas aldeas e nas que non podían faltar as gaitas e coplas. María era pandereteira e co paso dos anos foi transmitindo boa parte do seu saber a recolledores de cantares e estudosos da pandeireta.

Foi integrante do grupo de Pandereteiras de Moldes e asidua participante dos Encontros Interxeracionais que adoitaba organizar o Concello para dar a coñecer entre os cativos de Valga como se desenvolvían antigamente as tarefas agrarias, en concreto o proceso de cultivo do trigo.

A día de hoxe, aínda que a mobilidade a limita, a nova centenaria segue realizando algunhas das súas actividades favoritas, como xogar á baralla todos os domingos. Ademais, conta coa compaña dos seus 6 fillos, 11 netos e 9 bisnetos.

María Tarrío é a cuarta persoa máis lonxeva de Valga, despois de Hipólito Cerqueiras, tamén de Moldes, e Regina Grela, de Campaña, ambos con 102 anos, e de Josefina Rodríguez, do Carballiño, que recentemente cumpriu 101.

IMG 20220920 180823 IMG 20220920 180644

IMG 20220919 WA0022

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver