Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A segunda modalidade do certame quedou deserta ao non acadar o único traballo presentado o nivel de calidade esixido polo xurado

- A decisión do tribunal faise pública coincidindo co 116 aniversario do nacemento do Fillo Predilecto de Valga

premioferrocouselo

Valga, 30 de xullo de 2022.
O Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo xa ten gañador na súa XXIII edición: Anxo Rodríguez Lemos (Baiona, 1994), que concorreu ao certame baixo o pseudónimo “Pestimales” e co traballo titulado “Entre aparicións, promesas e romarías: a relixiosidade nos santuarios galegos da Idade Moderna (séculos XVII – XIX)”, no que aborda tradicións relixiosas e festividades xurdidas ao redor dos santuarios, as lendas que propiciaron a fundación destes templos e as expresións de devoción e culto instauradas a posteriori.

O xurado, que se reuniu esta semana de forma telemática, acordou por unanimidade outorgar o premio a Rodríguez Lemos, Licenciado en Historia e Doutor “Cum Laude” pola Universidade de Santiago, e destacou, nas súas deliberacións, que se trata dun tema pouco estudado dende o punto e vista elixido polo autor, así coma o emprego de numerosas fontes de investigación, o que fai que este traballo poida converterse en obra de referencia para investigadores, historiadores e, en xeral, persoas interesadas pola temática.

Como gañador da primeira modalidade do certame, Anxo Rodríguez recibirá un premio de 4.000 euros e o seu traballo será publicado polo Concello.

A esta modalidade, referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte, concorreron en total catro traballos. Dous deles foron descartados inicialmente polo xurado ao non cumprir os estándares mínimos de calidade que se esixen para un premio do nivel do Ferro Couselo. O mesmo sucedeu coa segunda modalidade, premiada cunha bolsa de estudos por valor de 3.000 euros para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga. Tan só concorreu un traballo que non acadaba o debido nivel de calidade, polo que o tribunal decidiu deixar esta modalidade deserta, unha das posibilidades que permiten as bases do Premio.

O tribunal estivo integrado por Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos; Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago; Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da USC; e Pablo Sánchez Ferro, director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense e neto de Xesús Ferro Couselo. Como secretaria actuou Vanessa Losada, técnica municipal.

O fallo do xurado faise público hoxe, 30 de xullo, coincidindo co 116 aniversario do nacemento de Xesús Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver