Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Haberá concursos e obradoiros para enxalzarar os dous produtos protagonistas

- A Festa da Anguía recupera este ano as súas actividades centrais: a degustación e a verbena no Parque Irmáns Dios Mosquera

AGastronómico1

Valga, 15 de xullo de 2022.

Achégase o mes de agosto e o Concello está a ultimar a programación da gran festa do ano en Valga: a XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. Esta mañá presentáronse no Centro de Interpretación da Caña as actividades gastronómicas que se desenvolverán no marco do “Agosto Gastronómiico”, que acada a súa segunda edición tralo éxito da experiencia de 2021.

Showcookings e obradoiros ofrecerán ideas para sacar o máximo partido culinario aos dous produtos protagonistas da festa (a anguía e a augardente), e tamén haberá concursos dirixidos á mocidade e ao público en xeral. Todo baixo o paraugas do equipo de Indo e Vindo Gastronomía, cos chefs Rocío Garrido, Fran Jamardo e Coque Fariña, que participaron na presentación xunto ao alcalde, José María Bello Maneiro, e o concelleiro de Cultura, Pedro Calvo.

As actividades darán comezo o día 27 de xullo, co primeiro showcooking de título “Destapa a anguía”, no que se cociñarán en directo tapas creativas realizadas con este peixe. Aínda que está aberto á participación de todo tipo de público, esta proposta pensouse especialmente para os hostaleiros do municipio, para que poidan captar novas ideas de cara á súa participación na Ruta de Tapas que cada ano se organiza tamén con motivo da festa.

Haberá outras tres demostracións os días 17, 21 e 24 de agosto: “A caña no prato”, na que se cociñarán catro receitas elaboradas con caña do país; “Moito máis que caña”, coa preparación de cócteles con augardente; e “Universo anguía”, na que se elaborarán catro pratos que terán como ingrediente principal a anguía. Os showcookings, que se desenvolverán no Centro de Interpretación da Caña, inclúen degustación por parte dos asistentes e maridaxe.

O “Agosto Gastronómico” ten tamén parte da súa programación orientada aos nenos e aos mozos. O día 3 de agosto terá lugar no Parque Irmáns Dios Mosquera un obradoiro de cociña para nenos de entre 5 e 12 anos, que elaborarán dous pratos: un salgado, que terá a anguía entre os seus ingredientes, e un doce.

Entre o 9 e o 11 de agosto terá lugar o concurso Anguía Chef, dirixido a mozos de entre 13 e 18 anos. Durante estas dúas xornadas, catro equipos integrados por catro rapaces competirán por ser os mellores cociñando anguía. Deberán superar unha primeira eliminatoria para clasificarse para a gran final do día 18 e haberá premios para os gañadores.

Todas estas actividades son gratuítas, pero teñen un carácter solidario. Os inscritos deberán aportar un quilo de alimentos non perecedoiros que, posteriormente, se entregarán ao departamento de Servizos Sociais para a súa distribución entre as familias sen recursos.

As inscricións realizaranse cubrindo as follas de solicitude e presentándoas no Concello ou a través do correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. no prazo establecido para cada actividade. As solicitudes atenderanse por orde de entrada.

Concursos de fotografías e de receitas

As actividades do “Agosto Gastronómico” complétase con dous concursos de fotografías e receitas. Ao primeiro poden presentarse imaxes relacionadas coa anguía, a caña do país e o Camiño de Santiago ao seu paso por Valga e desenvolverase a través das redes sociais Facebook e Instagram. Concederanse tres premios consistentes en tres lotes de produtos galegos valorados en 100 euros cada un.

En canto ao concurso de receitas de anguía e caña, as persoas interesadas en participar poderán enviar a través de correo electrónico as súas propostas culinarias elaboradas con estes produtos, acompañadas dunha fotografía e unha explicación sobre a súa preparación. O premio para o gañador será tamén un lote de produtos valorado en 100 euros.

O concelleiro de Cultura lembrou que estas actividades organizáronse por vez primeira o ano pasado coa intención de “dar un xiro á Festa da Anguía”. “Foi unha proba de lume”, engadiu, “e, con todo en contra pola problemática da pandemia, o éxito foi abrumador, polo que este ano esperamos repetilo”. Na mesma liña, o alcalde animou a “valgueses e visitantes a que participen nestas propostas gastronómicas nas que contaremos con tres artistas da cociña que nos deleitarán co seu traballo”.

Sobre o contido das diferentes actividades, os chefs avanzaron que “seguiremos na liña iniciada o ano pasado, de innovar e elaborar receitas diferentes e aportando ideas” que os asistentes poidan reproducir nos seus fogares, xa que “hai moitísimas maneiras de preparar a anguía” e de integrar a caña na cociña. Destacaron, así mesmo, que todos os pratos que se degustarán nos showcookings acompañaranse con viño e licores de Valga seguir dando visibilidade ás empresas locais.

XXXII Festa da Anguía e Mostra da Caña do País

O Concelleiro de Cultura avanzou, en canto á celebración da Festa da Anguía e Mostra da Caña do País na última fin de semana de agosto, que despois de dous anos de restricións volverán as actividades máis emblemáticas, a degustación de tapas de anguía e cócteles con caña no Parque Irmáns Dios Mosquera e a verbena. Ademais, engadiu, haberá outras moitas actividades culturais, lúdicas e tamén deportivas para completar a programación.

AGastronómico2

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver