Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A intervención, que foi subvencionada pola Xunta de Galicia, realizouna o restaurador Xabier Bernárdez

- Elimináronse os depósitos de terra e pó e reducíronse notablemente as colonizacións biolóxicas de algas e liques

CapitelLimpo1

Valga, 1 de xullo de 2022.

O proceso de limpeza do capitel do “estilo Setecoros” recuperado para o Museo da Historia chega á súa fin despois dunhas semanas nas que a peza de mármore foi sometida a diferentes tratamentos co obxectivo de eliminar a sucidade e a colonización biolóxica que afectaba ao capitel debido aos anos que estivo á intemperie nunha finca de Ferreirós antes da súa cesión ao Concello por parte da familia Freire Lorenzo.

O conservador Xabier Bernárdez concluíu esta mañá as tarefas que se prolongaron durante as últimas tres semanas e que comezaron unha limpeza xeral para retirar os depósitos de pó e terra que se acumulaban na superficie da pedra. Despois, durante tres sesións, aplicoulle alcohol, que actúa como biocida axudando a destruír e neutralizar os organismos que colonizaran o capitel, coma algas e liques. Na última sesión tamén empregou cloruro para tratar de eliminar os liques máis resistentes e esta mañá levou a cabo unha limpeza final da peza.

O experto valora o resultado coma positivo. “A colonización biolóxica reduciuse bastante, aínda que unha parte non se deu eliminado porque estaba moi incrustada”. Agora ben, as condicións “estables” nas que o capitel se vai a conservar no Museo da Historia, sen exposición á luz natural e con pouca humidade, serán favorables para que “pouco a pouco se vaian eliminando” os restos que resistiron á limpeza.

Esta actuación, subvencionada pola Xunta de Galicia, permitiu, ademais, apreciar con maior fiabilidade o material do que está feito o capitel, reafirmándose Xabier Bernárdez na impresión que dende un primeiro momento tiveron os técnicos municipais ao ver a peza: está feita con mármore de O Incio, pedra característica do “estilo Setecoros” da que tamén están feitos os dous fustes de columna e os dous capiteis que se conservan na Igrexa do Divino Salvador e os oito capiteis que se atopan repartidos entre o Museo de Pontevedra e o da Catedral de Santiago.

O conservador apunta que “a rocha” da peza sobre a que actou “está en boas condicións”, máis aló das alteracións antrópicas (provocadas pola acción humana) que lle afectaron, tales coma golpes e faltas debido a movementos inaxeitados ou á reutilización do capitel, no que se perforou un furado para empregalo coma pía.

Este capitel foi cedido en marzo de 2011 ao Concello pola familia Freire Lorenzo para a súa exposición no Museo. Os técnicos municipais apreciaron dende un primeiro momento que podía tratarse dun capitel do “estilo Setecoros”, moi similar e do mesmo período que outro que se conserva no Museo da Catedral de Santiago, datado entre os séculos III e IV (época tardorromana).

Limpezacapitel

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver