Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O certame, que naceu en 2020 para animar os momentos máis duros do confinamento, está cada ano máis afianzado

- O CRA de Valga contou coa colaboración do Concello na súa organización

Festivalga1

Valga, 13 de maio de 2022.

O Auditorio Municipal nada tivo que envexar esta mañá ao Pala Alpitour de Turín. Bandeiras de todos os países participantes e un público entregado recibiron a Adrián Baloira e Antía Piñeiro, director e secretaria do CRA de Valga, que exerceron de presentadores da gran gala final do Festivalga Eurovisión, na que se visualizaron todas as actuacións participantes e se fixo entrega dos premios ás mellores interpretacións musicais e postas en escena.

Nesta edición, a terceira, o festival bateu o seu récord de participación, con 31 vídeos imitando actuacións de Eurovisión, Eurojunior ou da preselección do Benidorm Fest. As actuacións foron publicadas nas redes sociais do CRA de Valga e abriuse unha votación popular, ademais de nomearse un xurado profesional composto por profesorado das escolas rurais valguesas.

Centros de ensinanza e familias de Valga, pero tamén de Padrón, Teo, Rianxo, Ames, Ribadumia, Ponteceso, Vigo... A participación foi do máis heteroxénea e demostra que o Festivalga, que naceu en 2020 para axudar a soportar os momentos máis duros do confinamento, está cada vez máis afianzado e consolidado. Como anécdota, sinalar que nunha das actuacións participa unha valguesa de 99 anos de idade e a repercusión das imitacións chegou incluso a varios dos artistas orixinais. Tanxugueiras, Lucía Pérez e Geno Machado, de Operación Triunfo, interactuaron co CRA de Valga a través das redes sociais cando se viron representados en varios vídeos.

A gala desta mañá contou con actuacións en directo a cargo do alumnado do CRA. A escola de Campaña interpretou “Antes muerta que sencilla”, canción coa que María Isabel gañou Eurojunior en 2004. Os nenos de Chenlo representaron “Canta y sé feliz” de Peret (España, 1974) e os de Ferreirós imitaron á galega Lucía Pérez co seu “Que me quiten lo bailao” (España, 2011). Tamén subiron ao escenario os alumnos da escola do Forno para poñer en escena “Wild dances” (Ucrania, 2004); e os de Vilarello, que cantaron e bailaron “Toy” (Israel, 2018). A última actuación foi a dos nenos de Xanza e o tema “Pirates of the sea” (Letonia, 2008).

Os concelleiros de Educación, Carmen Gómez, e de Cultura, Pedro Calvo, exerceron de representantes do Concello, que colaborou co CRA na organización do festival e da gala. Agradeceron ao profesorado das escolas rurais a súa implicación “e o traballo que fan en todas as aulas. Alá onde imos sempre nos falan marabillas do CRA de Valga e iso é, en boa parte, grazas a eles”, destacaron os edís, que participaron na entrega de premios.

Os gañadores nas diferentes categorías foron:

  • Infantil Individual:
    • Mauro Agrasar Losas: “Ay, Mama” (Benidorm Fest, 2022)
    • Noel Jamardo Castro: “Bailar Pegados” (España, 1991)
  • Grupo Infantil:
    • Escola de Pazos do CRA Nosa Señora do Faro de Ponteceso: “Terra” (Benidorm Fest, 2022)
  • Categoría Xuvenil:
    • Lía Rodríguez Santiago: “Chiqui, Chiqui” (España, 2008)
  • Categoría Docente:
    • Escola Infantil Municipal de Valga: “Antes muerta que sencilla” (Eurojunior, 2004)
    • CRA de Rianxo: “Europe’s living a celebration” (España, 2002)
  • Categoría Familias:
    • Zeltia Romero López e familia: “Ay, Mama” (Benidorm Fest, 2022)
    • Martiño Pardal Cotón e familia: “Ay, Mama” (Beniform Fest, 2022)
  • Mención especial:
    • CODI de Valga: “Quién maneja mi barca” (España, 1983)

Os premios consistiron en trofeos, que foron aportados polo Concello, material didáctico e xogos familiares.

Os vídeos de todas as actuacións participantes poden verse nas redes sociais do CRA de Valga (Facebook, Instagram e Youtube).

Festivalga2 Festivalga3

Festivalga4 Festivalga5

Festivalga6 Festivalga7

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver