Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- As figuras femininas do graffiti reflexan a loita das mulleres por ser libres

- A programación deseñada pola Concellería de Igualdade inclúe charlas, teatro, contos e música, entre outras propostas

Mural25N1

Valga, 16 de novembro de 2021.

Os usuarios do CODI estrearon nos últimos días a programación deseñada pola Concellería de Igualdade e Benestar Social para conmemorar o 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra a muller.

Empregando como soporte a parede do campo de fútbol de Baño, os rapaces da asociación Asdivalu levaron a cabo a actividade “Creando igualdade”, que consistiu no pintado dun mural con mensaxes contra a violencia de xénero e no que destacan unha serie de figuras femininas que reflexan a loita de moitas mulleres por ser libres nun contexto tan complexo como é o da violencia. A través desta actividade contribuíuse, ademais, a que as persoas con diversidade funcional tomen conciencia da importancia de visibilizar e promover a loita contra a violencia machista.

Durante as vindeiras semanas celebraranse outra serie de actividades que inclúen charlas e conferencias, obradoiros, música ou teatro. O luns 22 a psicóloga e a avogada do Centro de Información á Muller (CIM) impartirán a charla “Accións e recursos ante a violencia de xénero” a partir das 18:15 horas no Auditorio Municipal. Está dirixida a mulleres de Valga e da contorna.

O mércores 24 o espectáculo teatral “Golpes” representarase no IES de Valga para analizar xunto ao alumnado o impacto da violencia de xénero e tentar concienciar á mocidade na súa prevención. A actriz Estíbaliza Veiga porá en escena un relato cru e directo de como unha moza vai cedendo nunha relación desigual ata atoparse fóra da súa personalidade. A peza reflexiona sobre como nas accións máis cotiás nace o “golpe” da desigualdade e chega a violencia machista. Esta función está subvencionada pola Secretaría Xeral de Igualdade e a Fegamp.

Na xornada central, o 25 de novembro, gardarase un minuto de silencio ás portas da Casa do Concello en memoria das vítimas da violencia de xénero e, pola tarde, ás 17 horas no Auditorio continuará o proxecto de Intervención e Prevención con mulleres en situación de vulnerabilidade, nesta ocasión cunha xornada sobre o “Emprego en feminino”. Esta iniciativa lévase a cabo coa colaboración da Deputación.

O venres 26 a biblioteca súmase ás conmemoración coa actividade "Un conto pola igualdade” e o sábado 27 no Auditorio a Banda de Música Municipal de Valga ofrecerá o concerto “Música contra a violencia”. Será a partir das 19:00 horas con entrada de Valga.

Tamén no marco da programación do 25-N unha exposición reunirá as creacións do obradoiro de Terapia Creativa para a prevención e tratamento da violencia de xénero, unha actividade que se leva a cabo con mulleres en situación de vulnerabilidade e que, a través da arte, trata de transformar situacións traumáticas dotando ás participantes de ferramentas para poder enfrontarse mellor a elas.

Mural25N2 Mural25N3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver