Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O rexedor e a concelleira Carmen Gómez mantiveron unha xuntanza co sindicalista Antón Conde Freire

- Mellorar os servizos ferroviarios para a poboación local a través do Eixo Atlántico foi o tema central do encontro

CCOOTren1

Valga, 18 de novembro de 2021.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, mantiveron esta mañá unha xuntanza na Casa do Concello cun representante do sector ferroviario de Comisións Obreiras para abordar a situación dos servizos ferroviarios no Eixo Atlántico e estudar proxectos e iniciativas que poidan melloralos, tanto a nivel autonómico coma municipal.

Á reunión asistiu o secretario xeral do sector ferroviario Renfe-Adif de CCOO en Pontevedra, Antón Conde Freire, que está a manter unha ronda de contactos cos alcaldes dos municipios polos que discorre a liña atlántica para tratar cuestións relativas aos servizos ferroviarios de proximidade e a súa conexión cos trens de longa e media distancia do Eixo Atlántico e Portugal, co obxectivo de atender as necesidades de mobilidade da poboación.

Este plan integral de necesidades de transporte que está a elaborar o sindicato en coordinación cos concellos afectados, a Xunta de Galicia e o Goberno Central propón desenvolver un modelo de servizos ferroviarios baseado nunha rede de cercanías que ofreza servizos económicos e frecuencias eficaces. No caso de Valga, o alcalde e a concelleira presentaron a Conde Freire o proxecto de construción dun apeadoiro para dar servizo á poboación valguesa, que na actualidade se ve obrigada a desprazarse a outras localidades para facer uso do tren a pesar de que a vía atravesa o noso municipio. Esta é unha vella demanda do Concello que aparece recollida nun procotolo do Ministerio de Fomento dende o ano 2016. Tamén se plantexa a creación dun porto loxístico para dar servizo de carga e descarga ás importantes empresas asentadas en Valga, especialmente do sector do metal, que terían deste xeito unha conexión directa co Porto de Vilagarcía.

Nesta ronda de reunións, CCOO tamén está a abordar medidas para a rehabilitación das estacións da liña, melloras na información de horarios dos trens de paso e outros medios de transporte, adaptacións para asegurar a accesibilidade das persoas e espazos de estacionamento con dispositivos para a recarga de vehículos eléctricos, entre eles as bicicletas. O obxectivo é acadar un consenso entre todas as administracións implicadas para favorecer a mellora dos servizos ferroviarios e, a través deles, o progreso social e económico dos concellos. Con esta finalidade, representantes do sindicato mantiveron recentemente unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, para plantexarlles as súas propostas.

O alcalde e o representante de Comisións Obreiras fixeron unha visita á zona na que se emprazaría o apeadoiro demandado polo Concello e acordaron manter novos contactos para seguir avanzando neste proxecto.

“Nos últimos tempos, políticos de todas as cores apelan á necesidade de fixar poboación no rural. Esta sería unha excelente forma de facelo, permitindo que a poboación de Valga poida estar conectada a través dunha liña de cercanías –con horarios e frecuencias axeitadas– aos servizos ferroviarios de alta velocidade que se están a poñer en marcha e ofrecendo unha alternativa de mobilidade a estudantes que teñen que desprazarse ás cidades galegas e aos centos de empregados que a diario se trasladan a Valga dende múltiples lugares de Galicia para traballar nas nosas empresas”, afirma Bello Maneiro. “Potenciar o tren de cercanías é necesario e beneficioso para a poboación rural e por iso dende o Concello levamos tempo apoiando todas as iniciativas que axuden a mellorar este servizo e demandando que Valga poida contar con servizo directo de tren para os seus veciños e as súas empresas a través dun apeadoiro”, insiste o rexedor.

CCOOTren2

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver