Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Obtivéronse preto de 5.500 quilos de abono natural que está a disposición de todos os veciños

- Esta mañá instaláronse dous novos composteiros no IES de Valga e na Escola Infantil Municipal

Compost1

Valga, 26 de novembro de 2021.

Neste mes de novembro cumpriuse un ano dende a posta en funcionamento do primeiro centro de compostaxe comunitaria en Valga no marco do Plan Revitaliza, que o Concello coa colaboración da Deputación Provincial impulsou para mellorar a xestión dos biorresiduos a través da reciclaxe.

Foi o 4 de novembro de 2020 cando se puxo en marcha o centro da Avenida da Coruña, pioneiro no municipio. Despois, en decembro de 2020 e en marzo de 2021 entraron en servizo outros dous puntos de compostaxe comunitaria na rúa Doutor de Oya Salgueiro e no colexio de Baño. Entre os tres tratáronse 27.011 quilos de residuos orgánicos e restos vexetais e lévanse obtido preto de 5.500 quilos de compost que está dispoñible para que todos os veciños poidan utilizar para abonar as súas hortas e xardíns.

No centro da Avenida da Coruña tratáronse neste ano 14.055 quilos entre materia orgánica (9.521 quilos) e fracción vexetal (4.534), obténdose 2.987 quilos de compost. En Doutor de Oya Salgueiro compostáronse nos once meses que leva en servizo 5.222 quilos de lixo orgánico e 2.487 de restos vexetais, facendo un total de 7.709 quilos, que deron como resultado 1.638 quilos de abono natural.

O centro de compostaxe de máis recente instalación é o do CEIP Baño-Xanza, no que se tratan os restos orgánicos do comedor escolar. Entre marzo, cando se puxo en funcionamento, e xuño, que rematou o curso, tratáronse nel 5.247 quilos de residuos, dos que 3.555 correspóndense con materia orgánica e 1.693 con restos vexetais. En setembro, co comezo do novo curso escolar, este composteiro volveu a entrar en funcionamento e os primeiros resultados coñeceranse ao pasar o Nadal.

Dende o Concello infórmase, ademais, aos valgueses que se algunha outra comunidade de veciños está interesada en contar cun composteiro comunitario no seu entorno pode plantexar a proposta. É preciso, iso si, que o interese sexa por parte dunha colectividade ampla de residentes na zona.

A valoración dende a Oficina de Compostaxe municipal non pode ser máis positiva, xa que se sacaron do circuíto de recollida do lixo 18.298 quilos de residuos orgánicos que, doutro xeito, acabarían nos contedores de fracción resto. A isto hai que sumar os 8.714 quilos de restos vexetais que se empregaron como estruturante no proceso de compostaxe, evitando así a súa queima.

No tocante á compostaxe doméstica, o Concello leva repartido entre os veciños uns 1.000 composteiros individuais. Nas visitas de control realizadas nos últimos meses, os mestres composteiros comprobaron que “en todas estas vivendas se están xestionando os residuos orgánicos. Os composteiros están practicamente todos funcionando e, os que non o están, é porque o propietario dispón doutro composteiro artesanal que aínda non está cheo”, explica Silvia Torres.

Tamén a comunidade educativa valguesa se volcou coa súa participación no Plan Revitaliza. Ademais do centro de compostaxe do CEIP Baño-Xanza, tamén se instalaron composteiros individuais no colexio Xesús Ferro Couselo e nas escolas do CRA e hoxe colocáronse outros dous no IES de Valga e na Escola Infantil Municipal no marco das actividades conmemorativas da Semana Europea da Prevención de Residuos. Deste xeito, a comunidade educativa de Valga convértese nunha comunidade circular na que todos os residuos orgánicos se xestionan mediante a compostaxe.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver