Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Aprobouse onte no Pleno cos votos a favor do grupo de goberno e en contra da oposición

- Os gastos en Servizos Básicos suman 1’7 millóns, a Servizos Sociais destínanse 1.026.000 euros e a Emprego, 616.000

 

Valga, 14 de decembro de 2021.

O Pleno acordou onte, tan só cos votos favorables do grupo de goberno, a aprobación inicial dos orzamentos municipais para o exercicio 2022, que ascenden a 5.999.982 euros, o que representa un incremento dun 4’5% con respecto aos deste ano 2021. Os concelleiros do PSOE e das Mareas votaron en contra.

O concelleiro de Facenda, José Ángel Souto, explicou o contido do presuposto, que destina 1.691.997 euros a investimentos reais, un 25% máis que neste exercicio. Recóllense actuacións para a dotación e ampliación de servizos básicos com melloras en viais e camiños, en espazos de esparexemento, recollida do lixo, mellora do alumeado público e actuacións de aforro enerxético e unha partida de 100.000 euros para o mantemento de parques e espazos naturais.

Presupóstanse para Servizos Básicos 1.794.000 euros, dos que máis de 1’1 millóns se destinan a servizos comunitarios coma abastecemento (213.000), saneamento (476.000), tratamento e recollida de lixo e Plan Revitaliza (245.000) e alumeado público (230.000). As partidas para vivenda e urbanismo suman 257.000 euros, cun incremento dos fondos para pavimentación de viais e para medio ambiente resérvanse 211.000 euros. Neste apartado recóllense, ademais da conservación e mellora de zonas verdes e parques, programas como Embelecer Valga.

No que respecta aos Servizos Sociais e Igualdade, o orzamento destina 1.026.000 euros, dos que 310.000 son para axuda a domicilio para persoas dependentes, 106.000 para sufragar o funcionamento do CODI (a meirande parte dos fondos procedentes da Xunta) e 61.000 para o Centro de Información á Muller, dos que 51.000 proceden da Xunta e uns 5.000 do Estado. Tamén está incluído neste apartado 0o Plan de Prevención das Drogodependencias.

Ao fomento do emprego o Concello destinará 616.000 euros no vindeiro ano. Algunhas das medidas que se contemplan son as subvencións á contratación de parados do municipio, ademais das actividades de formación entre as que destacan diferentes cursos e os Obradoiros de Emprego. O concelleiro Souto destacou que Valga pasou de ter 384 parados hai un ano aos 312 actuais, o que supón unha taxa de desemprego do 9% fronte ao 15% do global do Estado.

No tocante á Educación, o presuposto reserva 433.000 euros, con partidas para axudas en material e transporte escolar, actividades de conciliación e reforzo educativo e 180.000 para financiar o funcionamento da Escola Infantil Municipal.

Por último, os fondos para Cultura ascenden a 462.000 euros, dos que 150.000 euros se invisten na Escola Municipal de Música. Tamén se prevén actuacións no Auditorio Municipal, no Museo da Historia e noutros locais de carácter cultural, e resérvase financiamento para o Belén Artesanal.

José Ángel Souto salientou que o orzamento é tan só unha previsión que pode verse mellorada ao longo do ano coa consecución de subvencións por parte doutras administracións. De feito, apuntou que nos últimos anos os investimentos presupostados víronse incrementados nun 30%. Ademais, o concelleiro apuntou que o orzamento cumpre o obxectivo de estabilidade presupostaria e co límite de gasto e que non se contempla endebedamento financeiro, tal e como indica o informe de Intervención.

Modificación do PXOM

No Pleno ordinario de onte tamén se aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 4 do Plan Xeral de Ordenación Municipal. O cambio afecta á ordenación de cinco viais nos núcleos rurais de O Campo, Sixto e Outeiriño (Xanza), Devesa (Campaña) e As Cernadas (Setecoros) para adaptar o sistema viario á realidade xurídica dos terreos, mantendo a súa funcionalidade. O grupo de goberno votou a favor e a oposición abstívose.

Esta modificación fora aprobada inicialmente en agosto de 2020 e despois exposta ao público. Agora, trala aprobación provisional, queda a expensas do visto bo definitivo da Xunta de Galicia.

Na sesión deuse conta do informe sobre execución trimestral do orzamento correspondente ao terceiro trimestre do ano, do período medio de pago a provedores e do informe sobre o cumprimento dos prazos de pagamento.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver