Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A tómbola solidaria continuará o domingo 19 co obxectivo de chegar aos 6.000 euros

- O nacemento pode visitarse de xeito gratuíto de luns a sábado pola tarde e os domingos tamén pola mañá

Tómbola3

Valga, 13 de decembro de 2021.

O Belén Artesanal en Movemento deixa atrás a pandemia e despois dun Nadal, o pasado, no que as restricións limitaron en gran medida as visitas, volve a rexistrar cifras similares ás anteriores á crise sanitaria. Na primeira semana de apertura, dende a inauguración do pasado día 5, máis de 8.000 persoas pasaron polo nacemento de Campaña.

Xa na propia xornada inaugural se puido percibir a expectación por ver o Belén. “Foi unha das inauguracións con máis xente dende hai bastantes anos”, confirma a presidenta da asociación Amigos do Belén, Mari Carmen Castiñeiras, que engade que, ata o de agora, o día de maior afluencia foi o 6 de decembro, en plena ponte da Constitución, cando se superaron as 2.000 visitas. “Tamén o outro festivo, o mércores, recibimos a moita xente” e onte domingo “houbo cola toda a tarde” e rondáronse de novo as 2.000 persoas de procedencias moi diversas: Tui, O Carballiño, Vilanova... entre outras zonas de Galicia e de España. “Volvemos aos tempos de antes”, ratifica a presidenta.

Outro dos síntomas de que a normalidade regresa, pouco a pouco, ao Belén son as excursións que se recibiron durante toda a semana. “Viñeron catro autobuses de distintos lugares de Asturias e tamén tivemos grupos de Ponferrada, León”, Vigo ou Salceda de Caselas. Para a vindeira semana comezarán, ademais, as visitas de centros educativos e doutros colectivos. Residencias de maiores de Santiago e Vilagarcía e o colexio de Meaño achegaranse ao nacemento entre o martes e o xoves.

O horario de visitas do Belén é de luns a venres de 17:30 a 20:30, os sábados de 17:00 a 20:30 e os domingos de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30. Os grupos organizados poden concertar cita fóra deste horario chamando ao teléfono 630 95 25 15. A entrada é gratuíta.

Recadación de fondos para La Palma

As persoas que onte se achegaron ata Campaña tiveron como aliciente a tómbola solidaria que a asociación Amigos do Belén celebrou para recadar fondos para os afectados polo volcán de La Palma e que conseguiu reuir 4.660 euros. A organización contou con máis de 200 agasallos que foron doados por veciños, casas comerciais e colectivos tanto de Valga como doutras vilas da contorna.

A estes regalos puideron optar os asistentes á tómbola, mercando boletos a tres euros cada un. A maioría deles repartíronse onte, pero aínda sobraron preto de 60, polo que a tómbola retomarase o domingo 19 a partir das 16:00 horas nos exteriores do Belén, cando se porán á venda novos boletos. “O obxectivo é chegar aos 6.000 euros recadados”, indica Mari Carmen Castiñeiras.

Se algunha persoa ou colectivo quere contribuír doando máis agasallos aínda está a tempo de levalos ao local do Belén.

Tómbola2 Tómbola3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver