Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A marca, constituída xunto a Vilanova, Catoira e Pontecesures, presentouse esta tarde en Fitur

- Os concelleiros Malena Isorna e Pedro Calvo representan ao Concello na Feira Internacional de Turismo

fitur22 1

Valga, 19 de xaneiro de 2022.

Os concelleiros de Turismo e Cultura, Malena Isorna e Pedro Calvo, están a representar a Valga a Feira Internacional de Turismo que se celebra en Madrid dende hoxe e ata o domingo. Esta tarde participaron na presentación dos novos produtos de Mar de Santiago, a marca turística da que forma parte Valga xunto aos concellos de Vilanova, Catoira e Pontecesures. Un autobús turístico de percorrido circular, a organización de excursións dende Compostela e a credencial da ruta Mar de Santiago centran as apostas para a promoción deste destino turístico aproveitando este segundo Ano Xacobeo consecutivo.

O acto de presentación desenvolveuse no stand de Galicia coa asistencia do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, a directora da axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, a vicepresidenta segunda do Congreso, Ana Pastor, e representantes dos catro concellos. Tamén participou o músico catoirense Roi Casal, que foi o encargado de poñer a banda sonora ao vídeo promocional do destino.

O obxectivo de Mar de Santiago de cara a este ano é incrementar o número de visitantes aos catro concellos integrados na marca. Neste sentido, os representantes municipais destacaron nas súas intervencións que a finalidade é “consolidar o destino turístico atraendo peregrinos ao noso territorio para que naveguen á orixe das peregrinacións mediante a realización da Traslatio”. Malena Isorna salientou que “ofrecemos a posibilidade de vivir a experiencia única da natureza” e emprazou a todos a descubrir e coñecer este territorio.

Mellorar a conexión marítima e fluvial para facilitar a realización da ruta, optimizar a interconexión entre os catro municipios, poñer en valor o patrimonio material e inmaterial do territorio e mellorar a experiencia dos visitantes para amosarlles que hai outras maneiras de facer o Camiño de Santiago son as diferentes accións nas que Mar de Santiago está a centrar os seus esforzos, buscando acordos con navieiras, guías turísticos e empresas de transporte.

A orixe das peregrinacións a Santiago

Mar de Santiago presentouse na feira turística coma o complemento perfecto para as peregrinacións, xa que se trata de descubrir a orixe das mesmas realizando o mesmo percorrido que fixeron, no século I, os restos do Apóstolo Santiago remontando o río Ulla. A marca contará coa súa propia credencial, en forma de concha de peregrino, que se entregará a aquelas persoas que realicen a Traslatio en barco e con puntos de selado en cada un dos concellos.

Ademais, porase en marcha un autobús turístico que realizará percorridos circulares polos catro municipios con paradas nos principais puntos de interese. Deste xeito facilitarase o coñecemento do territorio por parte dos peregrinos, ao tempo que se buscará a interconexión entre este percorrido e a ruta en barco a través do Ulla.

Como complemento a estas accións, prevese a formalización de acordos con compañías turísticas para que ofrezan a excursión Mar de Santiago e ofertaranse visitas guiadas nos catro concellos para aquelas persoas que queiran visitalos de modo independente.

A participación de Mar de Santiago en Fitur continuará mañá coa celebración de varias xuntanzas de traballo con touroperdores e profesionais nacionais e internacionais do sector turístico. Ademais, os representantes da marca asistirán a varias presentacións no stand de Galicia e tamén a un acto na Embaixada de Rusia.

fitur22 2 fitur22 3

fitur22 4 fitur22 5

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver