Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

Valga exporta talento. O mozo Álvaro Martínez Sánchez, nado en Cordeiro, vén de ser distinguido pola Sociedade Española de Excelencia Académica (SEDEA) coma un dos oito mellores estudantes de España graduado en Enxeñería Aeroespacial, carreira que cursou na Universidade Politécnica de Valencia. Agora está a realizar un máster en Toulouse (Francia), a cidade europea aeroespacial por excelencia, coa mente xa posta no seu futuro profesional no sector.

AlvaroMartinez2

Valga, 4 de febreiro de 2022.

Que foi o que che fixo decantarte por estudar enxeñería aeroespacial??

O certo é que non tiña moi clara a decisión á hora de elixir. Sempre me gustou intentar comprender o significado das cousas, a física detrás delas, e mesmo a orixe do universo. Neste sentido, quizá a carreira que máis se adecuaba aos meus intereses sería Física, pero o feito de que poidamos movernos pola terra e pola auga sen retar á natureza e non polo aire, fixo que me decantase pola enxeñería aeroespacial, que combina moi ben este reto coa comprensión de fenómenos de gran importancia na natureza.

Que aplicacións concretas pode ter esta titulación e cales son as principais saídas laborais que ofrece?

As saídas que ten esta carreira son moi amplas e diría que como enxeñeiro aeroespacial pódese acabar traballando en calquera ámbito. Pero a rama que máis me interesa, a aerodinámica e a mecánica de fluídos, reduce bastante as saídas, xa que está máis enfocada á investigación. Con todo, é a parte máis importante do deseño de avións ou de coches de carreiras, por exemplo.

Cales foron as túas cualificacións na túa etapa na Universidade de Valencia para que SEDEA te incluíra entre os mellores expedientes?

A iniciativa de SEDEA é moi interesante xa que non só ten en conta as cualificacións académicas ao longo do grao, senón que tamén se tiveron en conta outros aspectos como a miña participación en grupos de investigación, publicacións científicas ou o emprendemento coa creación de grupos estudantís. A parte de obter un total de 7 matrículas de honra, durante o último curso da carreira colaborei co grupo de investigación dun profesor da Universidade KTH en Estocolmo (Suecia) na análise dos mecanismos do fluxo con implicacións importantes na dispersión de contaminantes nas cidades. Os resultados que obtivemos foron moi importantes no contexto de sustentabilidade urbana e foron preparados para a publicación en dúas das revistas científicas máis importantes a nivel físico. Ademais, este tema cubriuse no meu Traballo Fin de Grao, polo que obtiven a máxima cualificación posible con matrícula de honra, que está exclusivamente reservada para os estudantes situados entre os 10 mellores da promoción.  Así mesmo, tamén se valoraron recoñecementos previos, como o Premio Extraordinario de Bacharelato

Que supón para ti este recoñecemento, tanto a nivel persoal coma a nivel académico e profesional?

A verdade é que non esperaba poder estar entre os mellores oito expedientes de Enxeñería Aerospacial a nivel nacional, xa que é unha carreira cunha nota de acceso moi alta, onde a xente ten os seus obxectivos moi claros e é moi traballadora. Por tanto, estar nesta clasificación supón moita satisfacción e un gran orgullo do traballo realizado durante toda a miña etapa académica, que tampouco sería posible sen o apoio da miña familia. En canto ao futuro, SEDEA é unha sociedade que tamén pon en contacto aos estudantes co ámbito empresarial, polo que pode ser unha boa oportunidade para introducirme neste mundo.

Trala túa graduación, que estás a facer nestes momentos?

Agora mesmo estou facendo un Máster en Enxeñería Aeroespacial en Toulouse (Francia) onde me estou especializando en aerodinámica. Poderíase decir que Toulouse é a cidade europea aeroespacial por excelencia, onde están asentadas importantes empresas como Airbus, Thales ou o CNES (Centro Nacional de Estudos Espaciais) e onde profesionais destas mesmas empresas nos imparten clase. Esto foi o que botei en falta en Valencia, xa que a industria aeroespacial alí non está moi desenvolvida. Ademais, a investigación que se leva a cabo aquí tamén é moi punteira.

Como ves o teu futuro? En que che gustaría desenvolver a túa carreira profesional?

Vin a Toulouse cunha idea bastante clara de introducirme na industria tras terminar os meus estudos, pero creo que agora mesmo a idea de continualos en forma de doutorado está máis presente, xa que, ata agora, disfrutei a experiencia da investigación e de contribuír con resultados importantes á ciencia. A longo prazo, si que me gustaría traballar no sector aeroespacial industrial.

AlvaroMartinez1

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver