Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Os seis colexios rurais de Valga contan cunha media de entre 12 e 14 alumnos, algúns procedentes de vilas da contorna e incluso de Vilagarcía ou Teo

- O director, Adrián Baloira, apunta ao proxecto educativo como clave neste aumento e augura que “o futuro destas escolas está garantido” nos próximos anos

cra2122 1

Valga, 15 de setembro de 2021.

As escolas que forman parte do CRA de Valga viron incrementada a súa matrícula para o curso escolar que acaba de comezar nun 35’5%. Pasaron dos 59 alumnos cos que remataron o curso pasado aos 80 que o xoves se reincorporaron ás aulas. É o CRA de Galicia no que máis se incrementou a matrícula porcentualmente, destaca o director do centro, Adrián Baloira.

Os colexios rurais de Campaña, Xanza, Chenlo, Forno, Ferreirós e Vilarello non só son elixidos cada vez por máis familias de Valga para a escolarización dos seus fillos entre os 3 e os 5 anos, senón que tamén atraen a pais doutras vilas da contorna. “Temos nenos de Pontecesures, Padrón, Catoira, Cuntis, Caldas, Rois e ata de Vilagarcía e Teo”, apunta o director. A media de alumnos atópase entre os 12 e os 14 por escola, sendo a de Campaña, con 17, a que acolle a un maior número de nenos.

Esta dinámica ascendente do CRA xa vén de anos atrás. “O curso pasado xa fora un ano bo, con 25 matrículas novas e ante esta situación podemos dicir que o futuro destas escolas está garantido e non haberá ningún peche nos próximos anos”, felicítase o máximo responsable do equipo directivo e docente.

Adrián Baloira desbota que este auxe das escolas rurais garde relación coa pandemia. “O ano pasado a matrícula xa estaba confirmada antes do confinamento”, polo que non afectou, e “neste curso algúns dos nenos que recibimos de fóra teñen escolas unitarias nos seus pobos ás que poderían ir, pero elixiron Valga”. Neste sentido, o director apunta ao proxecto educativo do CRA coma a clave do éxito.

O centro está acollido a numerosos proxectos e programas educativos da Consellería de Educación que lles permiten obter fondos cos que “facer actuacións directas nas aulas acordes ás necesidades do alumnado”. O profesorado está en continua formación e “as familias están moi implicadas na actividade educativa”, tanto a nivel individual coma a través da ANPA, que “está sempre buscando recursos. Agora acábanlle de conceder unha subvención de 3.000 euros para accións de coeducación e igualdade coa que creamos unha biblioteca itinerante de xogos e libros”.

Outra das iniciativas na que as familias xogan un papel clave, así coma o profesorado, é a participación no programa “Embelecer Valga”, que “nos permite seguir adquirindo material para transformar os patios exteriores do centro” con invernadoiros, mesas de picnic, horteiros ou xogos.

Á marxe do programa educativo, o equipo docente é outro dos pilares do CRA de Valga. Para este curso conta con seis titoras (unha por escola) e dúas mestras de apoio; un especialista en lingua inglesa que estará acompañada por un auxiliar de conversa; un mestre especialista en Educación Física; un especialista en música; unha mestra de relixión; unha orientadora; unha especialista en Pedagoxía Terapéutica; dúas mestas de Audición e Linguaxe e dúas coidadoras que acompañan ao alumnado con necesidades específicas.

Ademais, o CRA foi seleccionado por segundo curso consecutivo pola Fundación Princesa de Girona coma un dos 24 centros rurais de referencia de toda España para acoller as prácticas de estudantes de Grao a través do proxecto “Generación Docentes”.

cra2121 2 cra2122 3

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver