Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Unha filla, dous netos e unha bisneta do historiador valgués percorreron as instalacións nas que se lembra a figura do seu antecesor

- María Teresa Ferro doou ao Concello os obxectos persoais do seu pai que están expostos ao público

FamiliaFerroCouselo1

Valga, 20 de agosto de 2021.

O Museo da Historia recibiu onte a visita da familia do historiador e investigador Xesús Ferro Couselo (Cordeiro 1906 – Ourense 1975).

Unha filla do intelectual valgués, María Teresa Ferro Delgado, dous netos, Pablo e Susana Sánchez Ferro, e unha bisneta, Martina Sánchez Álvarez, achegáronse ás instalacións museísticas municipais para contemplar o espazo que se lle dedica ao seu antecesor.

A sección que homenaxea a figura de Ferro Couselo, que inclúe un repaso polos seus principais fitos vitais e profesionais, foi incorporada ao Museo trala ampliación executada entre finais de 2018 e comezos de 2019. Para levar a cabo o proxecto, o Concello contou coa colaboración da familia do investigador, que doou diversos obxectos persoais que dende entón se expoñen ao público. Entre eles, a cámara fotográfica que utilizaba o Fillo Predilecto de Valga, a súa máquina de escribir, a medalla da Real Academia Galega, un debuxo da súa casa natal feito por el mesmo ou a cinta métrica coa que estudaba os xacementos arqueolóxicos, ademais doutra documentación persoal.

Dende que se habilitou esta área do Museo, tan só Pablo Sánchez Ferro tivera ocasión de vela. O neto de Ferro Couselo, que exerce como director do Arquivo Histórico Provincial de Ourense –posto que tamén ocupara o seu avó–, é membro do xurado do Premio de Investigación que cada ano convoca o Concello. Na visita de onte estivo acompañado pola súa filla Martina, a súa irmá Susana e a súa nai, Mª Teresa. Esta última foi quen cedeu ao Museo o material expositivo e amosouse “encantada” polo resultado. Aínda que naceu en Ourense e reside en Madrid, mantén o seu vencello con Valga xa que “levo 77 anos veraneando en Cordeiro”.

Susana Sánchez referiuse tamén ao “atractivo” da montaxe. “A cronoloxía é moi clara e os obxectos persoais encantáronme. A cámara de fotos era moi representativa do meu avó. Ía sempre con ela no ombreiro”. A neta de Ferro Couselo destacou, así mesmo, as fotografías nas que aparece rodeado “doutras grandes figuras da cultura galega. Foi unha xeración que dificilmente se repita”.

A neta de Ferro Couselo vive tamén en Madrid, onde traballa como profesora de Dereito Constitucional na Universidade Autónoma. Alí coincidiu no seu día con Silvia González Soutelo, que en 2005 foi gañadora do X Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo co traballo “As augas mineiro medicinais en época prerromana e romana na provincia de Pontevedra. Unha aproximación histórica, etnolóxica e arqueolóxica”.

A visita ao Museo da familia de Ferro Couselo estivo guiada por Vanessa Losada, técnica municipal responsable das instalacións, e participaron tamén o alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez.

FamiliaFerroCouselo2 FamiliaFerroCouselo3

FamiliaFerroCouselo4

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver