Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

Tres grupos de mozos de entre 13 e 18 anos participaron na primeira xornada do certame no Parque Irmáns Dios Mosquera

A final, na que terán que cociñar un prato con anguía, celebrarase o próximo mércores, día 18

AnguiaChef1

Valga, 12 de agosto 2021.

O concurso Anguía Chef deu comezo coa disputa da proba eliminatoria, na que participaron tres equipos formados por mozos de entre 13 e 18 anos.

Os competidores tiveron que superar distintas probas para sumar puntos que lles permitiran clasificarse para a gran final. O primeiro desafío que lles propuxeron os xuíces foi atopar, seguindo unha serie de pistas, tres sobres agochados en distintos puntos do Parque Irmáns Dios Mosquera –no lavadoiro, na estatua da Bella Otero e no Centro de Interpretación da Caña– para asignar a cada grupo unha caixa con ingredientes que tiveron que adiviñar nunha cata a cegas.

Despois chegou o momento de poñer o mandil para preparar un prato frío no que, obrigatoriamente, tiveron que incluír os ingredientes adiviñados. O equipo verde, formado por Noa, Alexandra, Mirian e Sara, presentou tortas recheas de vexetais acompañadas dunha ensalada e un postre a base de mazá e dátiles. O equipo azul, do que formaban parte Rita, Lucía, Carla e Ainhoa, elaborou un tomate recheo e, por último, o equipo vermello –Alejandro, Arón, Gustavo e Pedro– preparou unha ensalada á que chamou “Carolina” en homenaxe á Bella Otero.

Trala deliberación dos xuíces, foron os equipos vermello e verde os que pasaron á final empatados a puntos. O próximo mércores, día 18, veranse de novo na gran final, na que terán que demostrar que son os mellores cociñando anguía para conseguir o premio.

Agosto gastronómico

Anguía Chef é unha das actividades do Agosto Gastronómico “Valga. Anguía, caña e camiño”, programado polo Concello de Valga con motivo da XXXI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País. O venres desenvolverase outra das propostas: o showcooking “A caña no prato”, co cociñado en directo de catro tapas elaboradas con augardente do país.

Ademais, está aberto o prazo de inscrición ata o día 18 para outro dos showcookins programados, “Universo anguía”, no que os asistentes poderán degustar catro petiscos con este peixe como ingrediente principal. A folla de inscrición pode descargarse na web do Concello (https://www.valga.gal/atencion-cidada/impresos-solicitudes) e ten que entregarse cuberta no rexistro do Concello ou enviala ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo..

Tamén está aberta a participación no I Concurso de receitas de anguía e caña. Os participantes deben presentar unha receita de cociña na que o ingrediente principal sexa a anguía ou a augardente e enviala ao correo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo. acompañada dunha fotografía de calidade do prato finalizado.

A receita debe ir explicada especificando a seguinte información: modalidade (tapa, prato principal ou sobremesa), nome ou título da receita, número de racións, ingredientes (detallando as cantidades a empregar) e pasos a seguir para a elaboración do prato.

AnguiaChef2 AnguiaChef3

AnguiaChef4 AnguiaChef5

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver