Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A santiaguesa Eva Penedo Vázquez é a autora do traballo, que será publicado polo Concello

- Na segunda modalidade o vencedor foi Enrique Manuel Neira Pereira, cun traballo sobre a produción de viño en Valga

FerroCouseloMuseoo

Valga, 30 de xullo de 2021.

A santiaguesa Eva Penedo Vázquez é a gañadora da XXII edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo co traballo “Dona Emilia Pardo Bazán, cando a literatura se converte en antropoloxía”, no que se analizan os elementos da antropoloxía galega que aparecen na obra da escritora, incluíndo un estudo etnoliterario de Galicia a través de tres das súas novelas: “Bucólica”, “Os pazos de Ulloa” e “A nai natureza”.

Foron catro as investigacións que concorreron ao certame nesta primeira modalidade, referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. Eva Penedo recibirá un premio de 4.000 euros e a súa obra será publicada polo Concello.

No referido á segunda modalidade, foron tres as propostas que se recibiron e a gañadora foi a de Enrique Manuel Neira Pereira, tamén de Santiago. Nesta modalidade convócase unha bolsa de estudos dotada con 3.000 euros para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga. O traballo de Neira Pereira afonda na orixe da tradición do cultivo das viñas e da produción e exportación de viño en Valga.

Este mesmo autor xa fora gañador da segunda modalidade do Premio Ferro Couselo na súa XVII edición, no ano 2016, co proxecto «Noticias sobre as terras e persoeiros de Valga na prensa galega do século XIX».

O xurado do certame estivo composto por Xulio Rodríguez González, facultativo do Corpo Superior de Museos, Pegerto Saavedra Fernández, Catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago, Marcial Gondar Portasany, Catedrático de Antropoloxía da Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación da Universidade de Santiago, e Pablo Sánchez Ferro, membro do Corpo Facultativo de Arquivos e neto de Xesús Ferro Couselo. Actuou como secretaria Vanessa Losada García. O tribunal reuniuse o pasado venres, 23 de xullo, e o seu fallo dáse a coñecer coincidindo co aniversario da data de nacemento de Ferro Couselo, o 30 de xullo.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver