Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O alcalde comprobou o estado das obras de enfoscado e revestimento que se levan a cabo no baixo cuberta

- Os aprendices tamén realizan tarefas de mellora nos vestiarios das instalacións deportivas de Beiro

ObradoiroEUA1

Valga, 10 de novembro de 2020.

O alumnado da especialidade de albanelería do Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV está a executar traballos de mellora e acondicionamento no interior do Edificio de Usos Administrativos. As obras son continuación das que se realizaron nos anteriores obradoiros e afectan, neste caso, á última planta do inmoble: o baixo cuberta.

As tarefas que levan a cabo os aprendices consisten no enfoscado a boa vista e maestrado de paredes, aplicando revestimento continuo sobre guías. Tamén se está realizando o empastado das paredes para posteriormente proceder ao pintado de todos os paramentos interiores.

O alcalde, José María Bello Maneiro, acompañado pola concelleira de Formación e Emprego, Carmen Gómez, e a directora do Obradoiro, Mª Carmen Vidal, achegouse a comprobar o avance dos traballos.

En paralelo, os alumnos deste módulo do Obradoiro de Emprego traballan nas instalacións deportivas de Beiro, onde están a rehabilitar os vestiarios do ximnasio municipal, que tamén son empregados polo usuarios do pavillón polideportivo.

Esta actuación, que se atopa xa avanzada, consistiu no repicado dos pisos e azulexos, levantamento de novas paredes de ladrillo caravista para facer as divisións, solado de pisos e alicatado das paredes. Parte do espazo destinarase a aseos e outra a duchas e vestiarios.

Estas actividades prácticas, que se complementan coa formación teórica, teñen como obxectivo que os alumnos adquiran as destrezas necesarias do oficio de cara a unha posterior inserción no mercado laboral.

O Obradoiro de Emprego Ulla-Umia IV é promovido conxuntamente polos concellos de Valga e Moraña e subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria. Participan unha vintena de persoas desempregadas destes dous municipios que perciben o salario mínimo interprofesional. Ademais da especialidade de albanelería, tamén se imparte un módulo de forestais.

ObradoiroEUA2 ObradoiroEUA3

Volver