Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Durante toda a mañá estivo emprazada no aparcadoiro do Centro de Saúde con personal especialista en psicoloxía e igualdade

- Centro de Información á Muller tamén ofrece asistencia xurídica e psicolóxica a vítimas de maltrado os 365 días do ano

caravanamorada2

Valga, 27 de outubro de 2020.

A Caravana Morada do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Salnés-Ulla Umia estivo durante a mañá de hoxe en Valga para concienciar e visibilizar o rexeitamento ás violencias machistas e, ademais, ofrecendo un servizo de información e asesoramento psicolóxico ás mulleres que o demandaron.

A caravana estivo emprazada nos arredores do Centro de Saúde entre as 9 da mañá e as 2 do mediodía e contou con profesionais especialistas en psicoloxía e técnicos en criminoloxía e igualdade para atender ás mulleres e aos veciños en xeral. O seu servizo estivo respaldado polas profesionais do Centro de Información á Muller de Valga, que colaboraron nesta acción de prevención da violencia de xénero. O CIM, con sede no edificio do CODI, ofrece asistencia xurídica e psicolóxica gratuíta os 365 días do ano a vítimas de malos tratos tanto de Valga coma doutras localidades da contorna.

Esta é unha iniciativa itinerante que está a percorrer todos os municipios das comarcas do Ulla-Umia e O Salnés e que se financia a través dun convenio entre a Vicepresidencia da Xunta e a Consellería do Medio Rural, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A parada da caravana en Valga foi xestionada pola Concellería de Igualdade e Benestar Social para ofrecer á poboación un punto de información e asesoramento, visibilizando ademais o rexeitamento ao acoso e ás agresións de xénero.

O GDR Salnés-Ulla Umia puxo en marcha esta Caravana Morada dada a importancia da muller no medio rural e tendo en conta que arredor do 80% dos casos de violencia que se producen en poboacións rurais non son denunciados. Segundo os datos dos que dispón o GDR, a situación de alarma sanitaria e de confinamento agravou o número de agresións e abusos. Nos 98 días que se prolongou o Estado de Alarma, as chamadas ao 016 (teléfono de atención a vítimas de violencia de xénero) aumentaron en máis dun 40% respecto ao mesmo período do ano pasado.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver