Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- O prazo para participar no certame remata o vindeiro 31 de outubro

- Ás dúas modalidades poden concorrer investigacións de ámbito galego e proxectos centrados en Valga

premioferrocouselo

Valga, 16  de outubro de 2020.

O XXI Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo afronta os últimos días de prazo para a presentación de traballos. A participación estará aberta ata o vindeiro 31 de outubro, despois de que o Concello decidise ampliar o prazo tendo en conta que a situación de emerxencia sanitaria e a declaración, entre os meses de marzo e xuño, do Estado de Alarma impediron o normal desenvolvemento da convocatoria.

Os traballos poden presentarse nas dúas modalidades habituais. Á primeira, dotada con 4.000 euros, poden concorrer traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As obras deben estar escritas en galego e ser inéditas, cunha extensión dun mínimo de 50 folios e un máximo de 300.

Na segunda modalidade convócase unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga. Os participantes deben presentar un guión razoado no que detallen os obxectivos que pretenden acadar co traballo, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do traballo.

Os participantes en calquera das dúas modalidades deben dirixir os seus traballos ao Rexistro de Entrada do Concello de Valga entregando o orixinal e cinco copias en tamaño folio, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara. É imprescindible presentar os traballos baixo un lema, que tamén figurará no exterior da plica na que se incluirán o nome e apelidos, enderezo, teléfono do autor e título da investigación.

Os gañadores daranse a coñecer no mes de decembro.

O xurado estará constituído por cinco especialistas no campo da investigación designados pola Comisión de Cultura do Concello, que se reservará para si a Presidencia e a Secretaría. O secretario terá voz pero non voto. Se o considera pertinente, o xurado poderá dividir o premio, concedéndollo como máximo a dúas obras. Tamén poderá declarar deserto o certame se os traballos non acadan a calidade desexable.

As obras premiadas quedarán en poder do Concello, que se reserva o dereito de publicación.

O Premio Xesús Ferro Couselo é convocado polo Concello de Valga dende o ano 1996 para homenaxear a esta insigne figura da cultura galega e Fillo Predilecto do municipio e co obxectivo de promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver