- A única alegación presentada foi rexeitada
- Destínanse 1,1 millóns a inversións, 845.000 euros ao fomento do emprego, 587.000 a asistencia primaria e 590.000 a Cultura
Valga, 31 de xaneiro de 2018.
O grupo de goberno aprobou definitivamente no Pleno de onte os orzamentos para este exercicio 2018, rexeitando a única alegación presentada durante o trámite de exposición pública, a do Colexio de Secretarios, Interventores e Tesoureisos (Cosital). “Os informes do secretario e do interventor desmontan o que di Cosital”, indicou o alcalde, José María Bello Maneiro, durante a sesión ordinaria. “Minten cando din que nos non figura o tesoureiro. Está nos orzamentos, pero hai que adicarlles tempo. Ademais, Valga é un dos poucos concellos que ten dende hai 20 anos un funcionario exercendo de tesoureiro”, engadiu.
Por outra parte, o salario que recollen os orzamentos para o secretario e o interventor está dentro que marca a lei, e non só iso, “senón que é superior ao mínimo que establece a lei. Porque ten que pagar máis o Concello de Valga?”, preguntou Bello Maneiro. “Se a outros lles sobran os cartos que o fagan, pero a miña responsabilidade como alcalde é xestionar da mellor forma posible e dentro da lei os recursos dos que dispón Valga”. Lembrou, sobre este asunto, que quen convoca as prazas de secretario e interventor é o Ministerio de Facenda e Administracións públicas e non o Concello.
Os orzamentos, que entran inmediatamente en vigor trala súa aprobación definitiva, ascenden a 5.447.194 euros. No capítulo de gastos destacan dous grandes grupos: os servizos básicos e inversións, que supoñen o 40% do total, e os servizos sociais, que chegan ao 46%. O restante 14% corresponde á administración xeral e outros gastos.
O anexo de inversións, que suma 1.122.770 euros, recolle partidas para a dotación e ampliación de servizos como o abastecemento de augas ou saneamento, así como a recollida de basuras, en concreto para a adquisición de novos contedores e o mantemento e limpeza dos xa existentes. Medidas de aforro enerxético e mellora do alumeado público, o mantemento de parques, xardíns, espazos naturais e mobiliario público, así como actuacións en viais e camiños e novas dotacións nas instalacións deportivas municipais son outras das partidas. O Centro de Interpretación da Caña do País, equipamento para os recintos culturais e o Museo da Historia, o Edificio Administrativo e a promoción e conservación do patrimonio local son actuacións para as que tamén se provén fondos.
No tocante aos servizos sociais, o orzamento reserva 587.000 euros para a asistencia primaria, que inclúe a axuda a domicilio, o Centro de Información Á Muller e o CODI. Hai que salientar que, por terceiro ano consecutivo, o Concello volve a asumir de xeito íntegro a financiación do Centro Ocupacional para persoas con discapacidade ao estar pendente de resolución o contencioso administrativo interposto contra a Deputación de Pontevedra por negarse a subvencionalo.
Ao fomento do emprego o Concello destinará en 2018 un total de 845.000 euros. Continúase coas subvencións á contratación de parados do municipio, unha iniciativa que o Concello puxo en marcha hai anos para loitar contra o paro. Outras das partidas vencelladas ao emprego destinarase á contratación de bolseiros por parte da administración local, cursos e actividades formativas, o plan de formación dual ou ao obradoiro de Emprego Ulla-Umia II que xa está en marcha.
Increméntanse un 28% con respecto a 2017 os fondos para Educación, Cultura e Deportes, que suman en total 1.086.000 euros. Deles, máis da metade, 590.000 euros, destínanse á cultura destacando os máis de 140.000 euros para Escola Municipal de Música, entre xestión, gastos correntes, mantemento das instalacións e adquisición de instrumental. Ademais, as comisión de festas de Valga que contraten á Banda de Música Municipal serán subvencionadas con 300 euros a maiores das cuantías que poidan percibir por outros conceptos.