- A asociación, da que forma parte o Concello de Valga, aprobou un programa de actividades adaptado á crise do coronavirus

- O fondo ten desenvolvido desde 1997 máis de 150 proxectos en países empobrecidos

AsambleaFondoGalegoCooperación

Valga, 30 de xuño de 2020.

A concelleira de Benestar Social, Begoña Piñeiro, participou esta mañá en representación do Concello de Valga na asemblea xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, celebrada por medios telemáticos.

A asociación de concellos e deputacións aprobou por unanimidade as Liñas Estratéxicas para o período 2020-2023 e deu tamén luz verde ao Plan de Actividades 2020, que houbo de adaptarse ao novo contexto xerado pola pandemia do coronavirus, tanto para as accións en Galicia como nos países do Sur.

Neste senso, substituíronse todas as actividades que implicaban viaxes internacionais, como o xa clásico programa de voluntariado Vacacións con Traballo ou a celebración do II Foro da Cooperación Municipalista da Lusofonía. Non entanto, a planificación para o ano en curso intensifica a aplicación da Axenda 2030 nas administracións locais, con iniciativas como a elaboración de plans municipais para a localización dos Obxectivos de Densenvolvemento Sostible.

Os proxectos de cooperación para o desenvolvemento aprobados encádranse tamén na crise xerada pola Covid-19. Investiranse un total de 98.126 euros en Mozambique e Guinea-Bissau, dos que 27.000 corresponden a achegas extraordinarias de varios concellos. Sensibilización da veciñanza, dotación de materiais de prevención, abastecemento de auga e saúde da infancia son algunhas das intervencións que se financiarán.

Situar a cooperación cos países do Sur como eixo central da actividade é un dos obxectivos establecidos nas Liñas Estratéxicas para o mandato actual, que foron presentadas polo presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González. Traballarase asemade para incrementar a base asociativa e a súa implicación, alén de continuar sensibilizando aos gobernos locais sobre a solidariedade internacional e de reforzar tanto a transparencia como as alianzas estratéxicas.

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos, entre eles o de Valga, e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur. 

boton auditorio

boton edificio usos admin

boton casa cultura

boton codi

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton sede electronica

boton bella otero

boton rueiro

boton tokapp

boton directorio

boton tempo

Volver