Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A responsable autonómica, á que acompañaron o alcalde e a concelleira de Educación, puxo en valor a escola do rural

- Bello Maneiro reiterou a próxima meta do Concello en materia educativa: instaurar o Bacharelato de Artes no instituto

ConselleiraCRA1

Valga, 10 de marzo de 2020.

A conselleira de Educación, Carmen Pomar, estivo esta mañá en Valga para visitar dous dos centros educativos do municipio: o CRA, co que celebrou o seu vixésimo aniversario, e o CEIP Baño-Xanza, para o que a Xunta elabora un proxecto de rehabilitación integral. Na visita estivo acompañada polo alcalde, José María Bello Maneiro, a concelleira de Educación, Carmen Gómez, e os edís Pedro Calvo e Malena Isorna.

No Centro Rural Agrupado (CRA) reuníronse para recibir á conselleira os nenos das seis escolas que o integran: Chenlo, Campaña, Ferreirós, Xanza, Vilarello e Forno. Participaron nunha xornada de convivencia con actividades coma robótica, realización de experimentos e unha sala con luz negra. Carmen Pomar interesouse polo proxecto educativo que ten en marcha o CRA e que puido ver resumido nun vídeo de presentación.

A conselleira puxo en valor a escola do rural, á que se referiu como “unha escola vencellada ao territorio pero que vai máis alá dunha ubicación xeográfica. É un proxecto educativo diferente e en Galicia temos a sorte de contar con este tipo de centros con profesionais tan bos e implicados e nenos que teñen o privilexio de vivir aquí e recibir unha ensinanza coa mesma calidade que a das grandes vilas e cidades”. As escolas unitarias, incidiu, “son un eixo vertebrador da vida no rural” e animou ás familias a apostar por elas e a “aproveitar os servizos existentes no rural” para garantir a súa continuidade. 

O director do CRA, Adrián Baloira, definiu a xornada de hoxe como “un éxito para a escola rural”. “Defendemos”, engadiu, “un tipo de ensinanza diferente, que aposte pola relación co entorno e máis individualizada, con grupos reducidos”.  O máximo responsable do equipo directivo agradeceu o apoio da Consellería aportando, por exemplo, unha auxiliar de conversa en inglés, e a colaboración constante por parte do Concello para seguir crecendo e mellorando. “Grazas ás dúas administracións contamos con escolas marabillosas”.

Tralo seu paso polo CRA, a conselleira desprazouse ao colexio Baño-Xanza, o máis antigo e con máis alumnado de Valga. Alí puido comprobar de primeira man a situación das súas instalacións, que están preto de cumprir os cincuenta anos, e para as que se está elaborando un proxecto de rehabilitación integral. A conselleira avanzou que se investirán arredor de 850.000 euros e que se mellorarán aspectos coma a carpintería exterior, as luminarias ou a confortabilidade térmica, entre outros. “Son consciente das necesidades do centro”, explicou Carmen Pomar, “e esperamos que este proxecto se leve a cabo pronto”.

O alcalde, José María Bello Maneiro, agradeceu a visita da conselleira e a “colaboración continua” entre o Concello e a Xunta de Galicia en materia de Educación. Grazas a este traballo conxunto, prognosticou, “seguro que haberá boas novas para Valga pronto”. O rexedor dixo que “para min como alcalde é un orgullo poder dicir que os nenos de Valga poden cursar no municipio as diferentes etapas da ensinanza dende os 0 anos e ata a universidade” e lembrou o próximo obxectivo polo que está a traballar o goberno municipal: incorporar o Bacharelato de Artes á oferta educativa do IES.

           ConselleiraCRA2           ConselleiraCRA3

ConselleiraCRA4 ConselleiraBaño3

ConselleiraBaño1 ConselleiraBaño4

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver