Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Héctor Bermúdez Touceda, con 17 anos de experiencia en Radio Valga, continúa dirixindo a emisora

- A súa proposta inclúe o compromiso de contratar a unha persoa desempregada, a realización de melloras no local e a ampliación da cobertura

radio1

Valga, 20 de decembro de 2017.

O Concello de Valga adxudicou o contrato de xestión indirecta do servizo da Emisora Municipal “Radio Valga”, na modalidade de concesión administrativa, a Héctor Bermúdez Touceda. Súa foi a única oferta presentada ao concurso convocado logo de que o Pleno aprobase, o pasado 14 de setembro, o expediente de contratación. A duración do contrato, asinado hoxe mesmo, será de quince anos podendo prorrogarse por anualidades sen que o total poida superar o prazo de vinte anos.

Héctor Bermúdez Touceda conta con 17 anos de experiencia en Radio Valga, os cinco primeiros como locutor e os 12 restantes na xestión da emisora como director, polo que está acreditada a súa capacidade para seguir desenvolvendo as mesmas funcións. Ademais, coñece a realidade do Concello, da poboación local e do tecido comercial de Valga.

O servizo prestarase a risco e ventura do concesionario, retribuíndose coas propias tarifas publicitarias que este obteña, sen que haxa lugar a compensacións económicas. Non se establece, polo tanto, nin canon concesional a cargo do adxudicatario nin se achegarán subvencións por parte do Concello para compensar eventuais perdas.  As tarifas a percibir polo concesionario estarán sometidas ao principio de legalidade, debendo ser aprobadas polo órgano competente do Concello de Valga.

A proposta presentada polo adxudicatario inclúe o compromiso de contratación dunha persoa en situación de desemprego e varias melloras a realizar na emisora, tanto no local que a alberga como no tocante á incorporación de material informático e novas antenas para ampliar a cobertura ata o máximo permitido pola lei.

Ao respecto da programación, como medio de difuisión dependente dunha administración pública, esta debe dirixirse á promoción dos valores cidadáns, colaborando cos servizos municipais para promover a maior participación dos veciños, facilitando a súa comunicación cos responsables municipais e dando a coñecer a actividade que as institucións desenvolven de cara á mellora da vida diaria. Emitiranse en directo nove horas de programación nas que un 30% do tempo será empregado en todo tipo de novas e información de carácter local.

O proxecto inclúe un compromiso con todas as organizacións de carácter benéfico para publicitar as súas accións totalmente de balde e haberá, ademais, unha tarifa especial reducida para as asociacións de Valga.

Radio Valga pode escoitarse no dial 107.9, a través de internet en www.radiovalga.net e tamén descargando de forma gratuíta a aplicación para móbiles. Héctor Bermúdez adianta que a emisora manterá a súa esencia e a fórmula que lle deu o éxito tanto a nivel local como comarcal. “Aínda que haberá algunhas novidades na programación, continuarase coa emisión de música do mesmo estilo, que foi o que nos fixo ter éxito, e farase seguimento das noticias locais e comarcais”. Destaca, tamén, que a duración do contrato, de quince anos como mínimo, “permitá realizar inversións con maior seguridade”.

No mes de febreiro Radio Valga organizará unha cea para celebrar o comezo desta nova etapa cos seus oíntes.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver