Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Centros educativos, asociación e veciños sumáronse á concentración que tivo lugar esta mañá no CODI

- Gardouse un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia machista

Acto25N 1

Valga, 25 de novembro de 2019.

Os exteriores do CODI, en Baño, foron escenario esta mañá do acto institucional organizado polo Concello de Valga con motivo do 25 de novembro, Día Internacional contra a violencia de xénero. Centros educativos, entidades e asociacións valguesas e veciños a título particular sumáronse á conmemoración desta data nun ano no que Valga tivo que afrontar o asasinato de catro veciñas, María José Aboy, Sandra e Alba Boquete e María Elena Jamardo.

Na súa memoria, e na de todas as vítimas da violencia machista, celebrouse este acto de rexeitamento ante calquera tipo de manifestación da violencia de xénero. O alumnado dos colexios de Baño e Cordeiro, do IES de Valga e da Escola Infantil Municipal aportaron os seus propios lemas á concentración. “Se me queres, quéreme ben. Non me insultes, non me grites, non me ignores, non me controles...” podía lerse na pancarta do CEP Xesús Ferro Couselo. “Se sementas respecto, recolles igualdade”, foi o eslogan elixido polo CEIP Baño-Xanza. O IES botou man do doble sentido coa frase “O amor non é a hostia” e os máis pequerrechos da Escola Infantil luciron colares cunha mensaxe contundente: “Non á violencia”.

En representación de todos estes centros, Ana Castroagudín e Iker Rial, alumnos de 6º de Primaria do CEP Ferro Couselo, leron un manifesto en prol da igualdade, a xustiza e a liberdade. “A violencia derrumba a nosa sociedade. É un problema de homes, mulleres, nenos e nenas, persoas maiores, de calquera clase social, cultura ou ideoloxía”, dixeron.

Tamén tomaron a palabra Rosa Crespo, presidenta da asociación de mulleres rurais Albor, para ler o poema “Libre”, de Judith Bosch; e Beatriz Fernández que, en representación de todas as valguesas, afirmou que “as mulleres necesitamos ser respectadas, escoitadas e valoradas”, desbotando mitos, crenzas e frases feitas que axudan a perpetuar a violencia de xénero. “Quen ben te quere farate chorar”, “No amor hai sufrimento”, ou “Os trapos sucios lávanse na casa” son algúns exemplos.

Marcela Santorum, psicóloga do CIM, fixo un chamamento á sociedade a estar alerta e denunciar ante calquera indicio ou sospeita de que poida estar producíndose un caso de violencia de xénero. “A fábrica do maltrato está nas mentes por iso é fundamental repetir palabras como respecto ou igualdade”, concluíu.

Por último, a concelleira de Igualdade, Begoña Piñeiro, deu lectura a unha declaración institucional na que lanzou unha mensaxe ás vítimas: “Non sodes culpables, non sodes as malas, non estades soas”. A concelleira referiuse á responsabilidade que teñen as administracións públicas para “construír unha sociedade libre de violencias machistas” e avogou por promover “un cambio social urxente en materia de igualdade de xénero” xa que, lamentablemente, “as relacións entre mulleres e homes seguen construíndose en base á desigualdade”.

Para pechar o acto Darvin Villar, alumno da Escola Municipal de Música, interpretou coa trompeta a melodía "Toque de silencio” como antesala do minuto de silencio que se gardou en memoria das vítimas da violencia de xénero.

Acto25N 2 Acto25N 3

Acto25N 4 Acto25N 5

Acto25N 6 Acto25N 7

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver