- O alcalde e as concelleiras Ramona Otero e Begoña Piñeiro mantiveron onte unha reunión co profesorado e coa nova directiva da asociación Musival

- Os prezos da matrícula e das clases mantéñense invariables con respecto á etapa anterior

emu1

Valga, 27 de decembro de 2017.

O Concello de Valga contratou á empresa Servizos e Producións Villar-Rey de Galicia S.L. a xestión da Escola Municipal de Música. Será a partir do vindeiro 2 de xaneiro cando o Concello asuma as responsabilidades na xestión do centro de estudos musicais, delegadas á citada compañía, tendo en conta que os orzamentos do ano 2018 xa recollen os fondos precisos para a xestión da Escola de Música. O contrato foi asinado a pasada semana.

O alcalde, José María Bello Maneiro, e as concelleiras Ramona Otero e Begoña Piñeiro mantiveron na tarde de onte senllas reunións co profesorado da escola, un total de 19 mestres e máis o director que se manteñen invariables, e coa nova directiva da asociación Musival, presidida por Elisa Fieiro e que incorpora, ademais, a catro músicos.

Este último foi un encontro cordial e co que os responsables do goberno local quedaron moi satisfeitos. Abordáronse cuestións como a distribución de funcións no tocante, por exemplo, á organización de actividades. Proximamente fixarase outra reunión na que participará tamén o director, Manuel Villar Touceda, para continuar avanzando nestes asuntos.

A nova presidenta de Musival está “ilusionada por esta nova etapa, que nada ten que ver coa anterior no relativo ao funcionamento da asociación”. Explica que “unha das condicións que puxen para estar na directiva é que houbera músicos e, nese sentido, estou contenta porque temos catro” e amósase esperanzada de que “as tres partes” agora implicadas no funcionamento da escola “tiremos para adiante e entre todos aportemos algo. Non queremos enfrontamentos xa que nin eu pretendo lastimar a ninguén nin que ninguén quede afectado pola miña culpa”.

Queda aínda pendente avanzar no reparto de funcións e, para iso, os nove membros que forman a directiva van reunirse para plasmar en papel os proxectos que queren sacar adiante. Un deles é o de “achegar a Banda á xente do pobo. A Banda é de Valga e hai moita xente que non vai aos concertos no Auditorio porque non pode, porque non sabe que os hai ou porque pensa que non lle vai gustar a música que se toca alí”, explica Elisa Fieiro. Por iso queren promover concertos nas prazas e rúas de Valga, “para que sexa a Banda a que se achegue ao pobo e non a o revés”. Esta, comenta, “foi unha idea dos músicos e será porque eles notan esa falta”.

A nova directiva tamén quere manter a participación e presenza das distintas agrupacións da Banda “en todos os certames aos que se poida ir”, continuar co ciclo de concertos Música nas Igrexas e tamén cos intercambios con outras bandas, entre outras iniciativas que ao goberno municipal “nos parecen ben”, ratifica o alcalde.

Por outra parte, está pendente de convocar tamén en vindeiras datas un encontro cos pais do alumnado para explicarlles este novo modelo de xestión e e tamén como abonar as taxas aprobadas pola Xunta de Goberno Local no pasado mes de novembro e que se manteñen invariables con respecto á anterior etapa tanto en cantidades como en prazos. A matrícula será de 20 euros para os alumnos empadroados en Valga e para os exalumnos e colaboradores da Banda de Música. Os usuarios empadroados noutras vilas deberán abonar, ademais da citada cantidade, 12 euros ao mes durante os dez meses que dura o curso escolar.

Os prezos das clases colectivas son os seguintes:

  •  Música e Movemento / Linguaxe Musical: 18 euros
  •  Danza, Harmonía, Historia da Música (con instrumento): 10 euros
  • Danza, Harmonía, Historia da Música (sen instrumento): 18 euros
  • Agrupacións: Banda, Big Band, Conxunto, Coro: gratuítas

As clases individuais teñen os seguintes prezos:

  • Clases de instrumento: Vento, Corda fretada (con agrupacións): 44 euros
  •  Clases de instrumento: Vento, Corda fretada (sen agrupacións): 51 euros
  • Percusión (con agrupacións): 50 euros
  • Percusión (sen agrupacións): 57 euros
  • Clases de instrumento: Gaita, Acordeón, Guitarra, Piano, Canto: 51 euros
  • Instrumentos complementarios: Canto, Piano (30 minutos, individual): 20 euros

Todos os irmáns e pais que reciban clase de instrumento poden beneficiarse de reducións nos prezos. A diminución é de 5 euros ao mes para o segundo membro da familia, de 10 euros mensuais para o terceiro membro e de 15 euros mensuais para o cuarto.

O Concello abrirá unha conta bancaria específica para o abono destas taxas na que Musival ingresará tamén a cantidade resultante das matrículas deste curso cobradas xa a algúns pais.

emu2

boton auditorio

boton edificio usos admin

boton casa cultura

boton codi

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton sede electronica

boton bandos

boton bella otero

boton rueiro

boton tokapp

boton directorio

boton radio

boton tempo

Volver