Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Trinta e seis veciños iniciaron este luns os traballos de preparación da nova montaxe de Nadal

- O nacemento abrirá ao público entre o 1 de decembro e o 12 de xaneiro

Belén2019 1

Valga, 10 de outubro de 2019.

A Asociación Amigos do Belén está xa mans á obra preparando unha nova edición do Belén Artesanal en Movemento, unha das composicións de Nadal de máis sona de Galicia e que cada ano atrae a decenas de miles de visitantes a Valga.

As tarefas deron comezo o pasado luns, día 7, e nelas participan a diario 36 integrantes do colectivo Amigos do Belén, que este ano conta con novas incorporacións. Toda axuda é pouca ante o traballo que queda por diante, xa que en apenas dous meses mudarán por completo o nacemento para que, un ano máis, consiga sorprender ao público.

Nestas primeiras xornadas os esforzos concéntranse en recoller todas as pezas que formaron parte da última composición e clasificalas para volver a reutilizalas, a reparación de motores e mecanismos que se atopan defectuosos ou non funcionan e limpeza e acondicionamento de mobiliario. Tamén comezou xa o proceso de creación de novas figuras que representarán a recoñecidos personaxes de todos os ámbitos da sociedade.

Porque a principal característica do Belén Artesanal de Valga e que o diferencia doutras montaxes é a conxugación de esceas propias do Nadal, como o nacemento do Neno ou a adoración dos Reis Magos, con tradicións locais e mostras da cultura popular do rural de Galicia como a matanza ou a sega e malla do trigo. A isto engádense figuras ilustres como Rosalía de Castro ou Xesús Ferro Couselo, personaxes famosos e a recreación de acontecementos de actualidade de ámbito local, nacional e internacional que fan deste un nacemento único. E todo feito a man de xeito artesanal polos veciños, dotando a moitas das figuras e escenas de movemento co emprego de motores de limpaparabrisas de coches e outros utensilios eléctricos.

Nunha superficie aproximada de 400 metros cadrados, o Belén de Campaña conta con arredor de 4.500 figuras feitas a man con papel, arame, cinta de carroceiro e pasta de modelar. As edificacións están construídas na súa meirande parte con estrutura de madeira e recubertas de pedra. Entre as novidades que xa preparan para esta edición haberá novos personaxes e escenas vencellados a ámbitos como o deporte, a política ou a vida social e recrearanse acontecementos que no último ano tiveron repercusión a nivel local, nacional e internacional.

O Belén Artesanal en Movemento inaugurarase o domingo 1 de decembro e permanecerá aberto ao público ata o 12 de xaneiro de 2020. O resto do ano seguirá a disposición dos visitantes que formen parte de grupos organizados ou excursións. No último Nadal foron arredor de 46.000 as persoas que acudiron a ver o nacemento.

Belén2019 2 Belén2019 3

Belén2019 4 Belén2019 5

Belén2019 6 Belén2019 7

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver