- Os participantes visitarán o monte Fontebecha, a igrexa de San Salvador e o cruceiro máis antigo do municipio

- O percorrido, de dez quilómetros de lonxitude, é de dificultade media-alta

RíoUlla

Valga, 16 de abril de 2019.

O Concello de Valga participa un ano máis no programa “Goza do Ulla”, co que se quere poñer en valor e promocionar o valioso patrimonio natural e cultural dos territorios bañados polas augas deste río ao longo dos seus 130 quilómetros dende o nacemento en Antas de Ulla ata a desembocadura en Vilagarcía de Arousa.

O programa coas rutas de sendeirismo propostas polos vinte concellos participantes xa está pechado e Valga deseñou para a ocasión un percorrido polas parroquias de Cordeiro e Setecoros que levará aos participantes a gozar dunhas fermosas vistas da desembocadura do Ulla e a coñecer algunhas das xoias patrimoniais da zona como a igrexa do Divino Salvador ou o cruceiro máis antigo do municipio. A data elixida para a camiñata é o sábado 7 de setembro.

“Vista panorámica do val do Ulla” é o nome da ruta circular, duns dez quilómetros de lonxitude e dificultade media-alta. O punto de saída será o colexio Xesús Ferro Couselo de Cordeiro con dirección ao miradoiro do monte Fontebecha, entre Cordeiro e Cerneira, dende o que se divisan unhas espectaculares panorámicas da desembocadura do río Ulla e da Ría de Arousa.

A continuación, os camiñantes baixarán ao lugar de Eirexe para visitar a igrexa parroquial de San Salvador, que data do século XVI e posúe unha fachada neoclásica. Os seus principais atractivos residen no seu singular retablo de época barroca e nos capiteis prerrománicos de mármore que se conservan. A carón do templo atópase o Oliveiral da Concordia, unha plantación con arredor de 800 oliveiras de distintas variedades.

A última parada da ruta será en Cerneira, onde se atopa o cruceiro máis antigo de Valga, que data do ano 1670.

O percorrido completo terá unha duración de entre tres e catro horas.

boton auditorio

boton edificio usos admin

boton casa cultura

boton codi

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton sede electronica

boton bandos

boton bella otero

boton rueiro

boton directorio

boton radio

boton tempo

Volver