Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- Veciños de Valga e visitantes chegados dende outras localidades participaron na actividade benéfica

- Os fondos serán entregados ao colectivo ourensano “Nico contra o cancro infantil”

visitasbenéficas1

Valga, 8 de abril de 2019.

As visitas guiadas benéficas ao Museo da Historia e ao Belén Artesanal en Movemento que tiveron lugar onte conseguiron colectar 225 euros para a investigación do cancro infantil.

Veciños de Valga e visitantes chegados dende outras localidades participaron na iniciativa solidaria organizada pola axencia Compos Tours coa colaboración do Concello de Valga a beneficio do colectivo “Nico contra o cancro infantil”, a través do cal a familia do neno ourensano Nico, diagnosticado de neuroblastoma, trata de visibilizar esta enfermidade e xunta recursos para contribuír á investigación do cancro pediátrico.

Os participantes nas visitas guidas tiveron a oportunidade de achegarse a dous dos principais recursos turísticos de Valga. No Museo da Historia foron guiados polo técnico municipal responsable das instalacións Santiago Chenlo, que lles explicou as características do territorio valgués, a historia do municipio a través dos vestixios deixados polos seus primeiros poboadores, como o petróglifo Pedra da Serpe, e dalgúns dos materiais recuperados nas excavacións arqueolóxicas realizadas nos xacementos Mercados dos Mouros e Igrexa Vella. Faloulles de acontecementos de relevancia histórica como a Batalla de Casaldeirigo e explicoulles os estilos máis destacados da arquitectura relixiosa.

Os visitantes coñeceron, ademais, os materiais expositivos que se incorporaron recentemente ao Museo, como diversos obxectos vencellados ao historiador e investigador Xesús Ferro Couselo e que foron aportados pola familia. A visita rematou cun percorrido pola traxectoria vital e artística da Bella Otero, diva da Belle Époque.

A continuación, os participantes trasladáronse ao Belén Artesanal en Movemento, unha composición declarada de Interese Turístico de Galicia pola Xunta e que durante o pasado Nadal recibiu máis de 42.000 visitas. Representantes da asociación Amigos do Belén explicáronlles as características deste nacemento que conta cunha superficie aproximada de 400 metros cadrados e supera as 4.600 figuras e edificacións, todas elas feitas de xeito artesanal.

O Belén valgués ten como principal peculiaridade a combinación de esceas propias das festas de Nadal con tradicións locais, mostras da cultura popular do rural de Galicia e a recreación de acontecementos de actualidade a nivel nacional e internacional. Isto del unha montaxe única e outórgalle un carácter diferencial.

visitasbenéficas2 visitasbenéficas3

visitasbenéficas4 visitasbenéficas5

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver