Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

O convenio entre o Concello e a Asociación Galega de Actividades Náuticas fomentará a chegada de visitantes polo río e contribuirá á promoción exterior do municipio

Un catamarán con capacidade para unhas 45 persoas realizará escala no pantalán da área fluvial de Vilarello

cruceiroscosteiros2 2

Valga, 15 de febreiro de 2019.

Valga será a partir do vindeiro mes de abril porto escala da campaña Cruceiros Costeiros 2019, un proxecto promovido pola Asociación Galega de Actividades Náuticas (Agan+) en colaboración coa axencia Turismo de Galicia e Portos de Galicia.

A adhesión do Concello a esta iniciativa turística foi presentada este mediodía nunha comparencia na que participaron o alcalde, José María Bello Maneiro; a concelleira de Turismo, Ramona Otero; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís; o presidente do comité de expertos e de certificación de Agan, Valentín Domínguez; e José Manuel Estévez, patrón da embarcación Pelegrín IV, da compañía navieira Cruceiros Pelegrín, que explotará a ruta polo río Ulla e a Ría de Arousa con porto base na área recreativa de Vilarello.

A ruta, segundo o itinerario que está deseñándose, partiría dende o porto de Vilagarcía e remontaría o Ulla ata Valga, onde o catamarán unha parada para coñecer o entorno e realizar visitas de carácter cultural e patrimonial a outros enclaves próximos. Un guía turístico acompañará aos viaxeiros que, trala súa estancia no municipio, porán rumbo á illa de Sálvora con servizo de comida a bordo da embarcación. O regreso prevese en torno ás 18 horas. Aínda así, hai que ter en conta que os horarios estarán condicionados polas mareas. A ruta estará operativa dende o vindeiro 1 de abril e ata mediados do outono.

Esta será a primeira ruta fluvial do programa Cruceiros Costeiros, que en 2018 realizou un total de 104 viaxes polas rías de Arousa, Pontevedra e Vigo nas que participaron máis de 5.000 persoas. O obxectivo de cara á campaña de 2019 é mover a uns 6.000 turistas en 120 saídas. Por iso, o alcalde destaca o enorme pulo que este proxecto pode supor para Valga, convertendo ao río Ulla en porta de entrada de visitantes e posicionando turísticamente á vila como porto cultural, de natureza e gastronómico. Bello Maneiro destacou, que o convenio que se asinará con Agan+ suporá que o escudo e o nome de Valga estarán visibles en todos os folletos promocionais de Cruceiros Costeiros que se distribuirán entre axencias de viaxes e colectivos de Galicia e España e que acadarán tamén repercusión internacional a través do portal náutico www.nauticdestination.com. Ademais, os veciños de Valga poderán beneficiarse de bonificacións nos prezos das rutas de Cruceiros Costeiros.

O representante de Agan+, Valentín Domínguez, fixo fincapé na proximidade do Ano Santo 2021 e na vinculación entre a tradición xacobea e o río Ulla a través da ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, que rememora a chegada a Galicia do corpo do apóstolo Santiago e que está recoñecida como un dos Camiños de Santiago. A itinerario fluvial de Cruceiros Costeiros que comezará funcionar en abril “pode supor un novo pulo para esta esta ruta xacobea a dous anos vista do Ano Santo”, incidiu Domínguez. O presidente do comité de certificación de Agan+ realizou durante esta mañá varias visitas á contorna fluvial das parroquias de Cordeiro e Campaña. Na praia fluvial de Vilarello fixo unha auditoría do pantalán e das instalacións existentes, destacando a “impresionante” beleza do lugar e as “enormes posibilidades” que ofrece para explótalo turísticamente. Outra das paradas tivo lugar en Campaña, onde está proxectada a instalación dun novo pantalán para embarcacións turísticas e de recreo, unha iniciativa que xa conta con autorización de Costas do Estado e que conlevará un investimento de máis de 250.000 euros en colaboración con Portos de Galicia.

cruceiroscosteiros2 cruceiroscosteiros3

cruceiroscosteiros1

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver