Accessibility Tools

NOVAS DO CONCELLO

- A comezos de febreiro tamén albergará actividades sobre aplicación de Google e os dereitos dos usuarios dos talleres de vehículos

- As persoas interesadas en asistir deben inscribirse no Auditorio ou a través do teléfono 986 556 769

Aula Cemit

Valga, 24 de xaneiro de 2019.

A Aula CeMIT imparte o vindeiro martes, 29 de xaneiro, a partir das 10:30 horas o seminario web “Estafas en internet. Están os teus dispositivos protexidos?”.

Abordaranse algúns dos riscos de internet, que é unha fonte inesgotable de información, ocio ou cultura, pero tamén dá acceso a todo tipo de páxinas web ilícitas cuxo fin é que sexamos vítimas dalgún tipo de estafa ou que os nosos dispositivos se infecten con programas malintencionados. 

Os contidos do seminario son: principais riscos en Internet, como se infectan os nosos dispositivos, medidas de protección para os nosos dispositivos e tipos de estafas en Internet e como evitalas. Deste xeito, os asistentes á actividade aprenderán a distinguir as webs seguras das que non o son e como manterse a salvo de virus informáticos e fraudes.

A Aula CeMIT oferta un segundo seminario web para o día 5 de febreiro, neste caso sobre “Aplicacións de Google que che farán a vida máis sinxela”. Google non só ofrece unha forma doada e rápida de atopar información en Internet senón que conta cunha morea de apps gratuitas para todo tipo de tarefas: asistente persoal, tomar notas, facer copias de seguridade de documentos, fotos e vídeos, etc.

Estas dúas actividades diríxense principalmente a maiores, xa que se realizan a través do Canal Sénior da Confederación de asociacións de Programas Universitarios de persoas maiores (Caumas). É necesaria inscrición previa que pode realizarse presencialmente no Auditorio ou a través do teléfono 986 556 769.

Videoconferencia sobre talleres de vehículos

Outra das actividades máis inmediatas que ten programada a Aula CeMIT de Valga é a videoconferencia “Talleres de reparación de vehículos: dereitos das persoas usuarias”, que se realiza dende a Escola Galega de Consumo o luns, 4 de febreiro, de 12 a 13 horas.

O coche tense convertido nun instrumento case imprescindible para o día a día de moitas persoas e, en ocasións, tamén nunha ferramenta de traballo. Por estas razóns, acudir ao taller para reparar avarías ou realizar revisións é unha práctica habitual e obrigada. Temos dereito a un orzamento previo? Poden cobrarnos por el se despois non arranxamos o coche no mesmo taller? Temos dereito a que nos devolvan a peza que cambiaron? Nesta charla resolveranse todas estas cuestións e explicaranse os dereitos e deberes das persoas usuarias destes servizos. Tamén se ofrecerán unha serie de recomendacións a ter en conta.

Trátase dunha actividade para todos os públicos e tamén é necesaria inscrición previa.

boton facebookboton twitter   boton youtube

boton cita previa sede

boton extensions

boton sede electronica

boton bandos

boton rueiro

boton tempo

boton obradoiro

Volver