- O certame contou con seis participantes, que presentaron o peixe ao forno, guisado, rebozado, sobre tostas e en coca
- Este domingo continúan as actividades do Agosto Gastronómico, cunha sesión de coctelería

Valga, 19 de agosto de 2026.
A veciña de Carreiras (Pontecesures), Sonia Carbia Torres alzouse co primeiro premio do certame "Anguía Chef", celebrado onte no marco do Agosto Gastronómico. A súa proposta, unha "Croqueta desestruturada de anguía", conquistou ao xurado grazas á súa orixinalidade, ao bo tratamento do produto e ao sabor.
A receita gañadora arrédase das preparacións máis tradicionais da anguía separando os elementos clásicos dunha croqueta para xogar coas texturas. A campioa elaborou a base sofritindo pequenos tacos de anguía con cebola e allo e flamexándoos con caña tostada. Por outra banda, preparou unha bechamel con manteiga, fariña e leite e enriqueceuna con queixo San Simón afumado. Para a presentación, serviu no fondo dous culleróns do sofrito, cubertos pola bechamel e coroados con cebola frita.
O xurado, que tivo ao chef Álex Iglesias á fronte, tívoo complicado xa que inicialmente produciuse un triplo empate con outras dúas receitas: a "Anguía crocante do Ulla" do valgués Pablo Quintáns, na que o peixe rebozado se acompañaba de humus e salsa de quixo Arzúa-Ulloa; e a "Anguía ao forno" de gañador do ano pasado, Jorge Riveiro. Neste caso, a anguía macerada con caña tostada e cociñada ao forno, presentouse con cachelos..
En total foron seis os participantes desta edición do "Anguía Chef". As outras tres propostas foron "Entremeses variados de anguía", de José Andrés Freiría Castro; "Anguía guisada con pan ao azafrán", de Carmen García Costa; e "A coca da avoa Pilar", de Rmedios Couselo Rico.
O xurado destacou que "houbo moita calidade, con pratos moi elaborados o que dificultou o veredito final". A decisión final baseouse "no tratamento da anguía, na presentación o e no concepto diferente" da croqueta deconstruída de Sonia Carbia.
As actividades do Agosto Gastronómico continúan este domingo, ás 13:00 horas, cun novo showcooking no que Álex Iglesias preparará catro combinados de autor empregando caña do país nas súas distintas variedades.
ES
EN