- Melloráronse a maioría de elementos e incluso se instalaron algúns novos, coma a cesta
- Bello Maneiro destaca que os rapaces xa poden divertirse nun espazo máis seguro e equipado

Valga, 18 de agosto de 2026.
O Concello, a través da empresa Bricantel, ultima os traballos de acondicionamento da área de xogos infantís do Parque Irmáns Dios Mosquera, uns traballos cos que se pretende continuar coa modernización e adecuación das infraestruturas dun dos principais espazos de lecer e esparexemento do municipio.
As intervencións desenvolvidas no parque infantil incluíron a instalación de novos xogos, así como a reparación e posta a punto dos elementos xa existentes. En concreto, substituíronse a maior parte dos postes de sustentación, renováronse os tellados da casiña de xogos, amañouse a base do elemento xiratorio e colocouse unha nova cesta.
Ademais, os traballos incluíron o pintado de varios xogos e a reposición dos tramos do valado perimetral que se atopaban deteriorados a causa das inclemencias meteorolóxicas e do propio uso das instalacións.
"Deste xeito continuamos poñendo a punto este precioso parque co que conta o noso concello e os nenos e nenas de Valga xa poden pasalo ben nun espazo máis seguro e equipado", sinala o alcalde, José María Bello Maneiro.

ES
EN