- A Ruta-Concurso “Tapa a Anguía” deu comezo hoxe e continuará os días 23, 29 e 30 de agosto
- Os petiscos ofrécense de balde coas consumicións os sábados ao mediodía e á noite e os domingos só ao mediodía

Valga, 22 de agosto de 2026.
Recende a anguía en Valga co comezo da XIII Ruta-Concurso “Tapa a Anguía”, un dos eventos gastronómicos do ano no concello e que se estenderá durante dúas fins de semana cun total de 13 establecementos de hostalería participantes. É unha das cifras máis elevadas dos últimos anos, o que ofrece aos valgueses e visitantes un amplo abano de posibilidades para saborear o peixe do Ulla, con propostas que van dende o tradicional ata elaboracións de vangarda.
A oferta inclúe desde as clásicas anguía fritida ou en empanada galega, ata cazoladas, guisos, opcións ao forno e creacións innovadoras que combinan este produto do Ulla con ingredientes como aguacate, reducións de viño de Valdeorras, toques internacionais como o cajún ou a salsa sriracha, e incluso formatos en mousse ou brioche. En definitiva, a versatilidade da anguía queda, unha vez máis, demostrada.
Os petiscos sérvense de forma gratuíta coas consumicións os sábados de12:00 a 15:00 horas e de 20:00 a 23:00, e os domingos de 12:00 a 15:00. Os establecementos participantes son os seguintes:
- Bar Pardal - A fumareda do Ulla: Anguía afumada sobre tosta crocante con cremoso de aguacate e brotes.
- Pastelería Caprichos - Capricho do río: Pan brioche con anguía en tempura, maionesa de allada e marmelada de pementos de Padrón.
- Bar Maneiro - Anguía no seu escondite. Pizza de masa gramada con anguía, aguacate, cebola morada e cabaciña. (Só mediodías).
- Bar Potel- O xardín do Ulla: Empanada de anguía en xardín verde de rúcula e tomates cherri.
- Café-Bar O Pontellón- Pierogi Bomba: Empanadilla polaca recheo de anguía e toque cajún. (Pechado o día 29 á noite e o 30).
- Bar Juan - Anguía ao estilo Bar Juan: Anguía fritida tradicional con anchoa e salsa ali-oli. (Pechado o día 29).
- Restaurante A Charca- Anguía na Charca: Cazolada de anguía con patacas panadeira, vexetais, cogomelos e langostino.
- Café Pub Pirata - Wrap Pirata: Taco de anguía glaseada, pico de galo, aguacate e salsa sriracha.
- Café-Bar Couceiro - Anguía Vermella: Anguía ao forno en salsa de tomate con tosta. (Pechado os domingos).
- Café-Bar Xa Bou - Empanada de anguía: Empanada tradicional galega de anguía, cebola e pemento.
- Cafetería Auditorio - Cazola de anguía: Anguía guisada con chícharos, patacas e verduras.
- Casa Comparada - Mousse de anguía e aguacate: Mousse de anguía, aguacate e lima con tartar de tomate e caramelo salgado de soia. (Pechado os días 22 e 23).
- Bar Alba - Loís: Anguía frita sobre parmentier de castaña e redución de viño da DO Valdeorras.
A fase de concurso desenvólvese durante esta primeira fin de semana. Entre todas as persoas que voten pola mellor tapa sortearanse dez vales de 30 euros para comprar no comercio local. Por votación popular elixiranse o Mandil de Ouro, Prata e Bronce e un xurado profesional outorgará tamén un único premio. Os gañadores coñeceranse o día 29 durante os actos da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País.

ES
EN