- Entre os días 1 e 6 de xullo quedará emprazado nas inmediacións do local social
- Conta con catorce bocas para o depósito de cristais, aceite, bombillas, teléfonos ou pequenos aparellos electrónicos, entre outros residuos

Valga, 30 de xuño de 2026.
O Punto Limpo móbil retoma esta semana o seu percorrido polas diferentes parroquias valguesas, para seguir achegando a recollida selectiva á cidadanía e favorecer a correcta xestión dos residuos que se xeran no municipio.
Dende mañá, 1 de xullo, este Punto Limpo itinerante estará emprazado no lugar de Eirexe (Setecoros), nas inmediacións do local social. Alí permanecerá unha semana, ata o día 6, para que os veciños da zona poidan depositar residuos que non deben botarse nos colectores do lixo: poliespan branco, espellos e cristais, aceite doméstico usado, filtros de aceite, roupa e calzado, fluorescentes, bombillas, pilas, móbiles e cargadores, toner de impresoras, siliconas, aerosois, pequenos aparellos electrónicos e pequenos restos metálicos. En total, a caixa conta con catorce bocas para outros tantos tipos de residuos.
As seguintes paradas do Punto Limpo móbil durante as vindeiras semanas serán:
- Vilarello, xunto a á escola (do 7 ao 13 de xullo)
- Parque de Parafita (do 14 ao 23 de xullo)
- San Miguel, nas inmediacións da igrexa (do 24 de xullo ao 3 de agosto)
- O Pino, fronte ao bar Os Camioneros (do 4 ao 7 de agosto)
Deste xeito, o Concello trata de concienciar á poboación sobre a importancia da reciclaxe e do coidado do medio ambiente, fomentando hábitos responsables e sustentables.
Este servizo é complementario ao do Punto Limpo fixo, situado en Campaña, (que abre os luns pola mañá e os xoves pola tarde e que os veciños de Valga poden empregar de balde) e tamén á planta de residuos da construción, á que se poden levar restos de obras.
Ademais, tamén se mantén a recollida de voluminosos porta a porta con periodicidade mensual.

ES
EN