- Diríxese a persoas a partir de 16 anos e, prioritariamente, chegadas dende fóra de Galicia
- O prazo de inscrición está aberto ata o 29 de xullo nas oficias municipais ou no teléfono 986 55 94 56 (extensión 2016)
Valga, 29 de xuño de 2026.
O Concello, a través do Servizo de Normalización Lingüística e en colaboración coa Secretaría Xeral da Lingua da Xunta, impartirá un curso gratuíto de introdución á lingua e á cultura galegas.
Trátase dunha actividade dirixida a persoas adultas (maiores de 16 anos ou que os cumpran neste 2026) e que queiran iniciarse no idioma ou mellorar as súas competencias básicas, con especial atención ás persoas chegadas dende fóra de Galicia. O obxectivo principal é facilitarlles a inserción sociocultural, axudándolles a integrarse e perder o medo a falar galego.
O curso impartirase nos meses de setembro e outubro, nun horario a concretar en función das preferencias dos inscritos. Terá unha duración de 20 horas repartidas en dez sesións de 2 horas cada unha. O número de prazas máximas é de 20 e para participar non se precisan coñecementos previos de galego, xa que os contidos adaptarase ao nivel das persoas inscritas.
Ao longo do curso abordaranse os seguintes bloques:
- Nocións básicas de lingua: Fonética e regras esenciais de pronunciación.
- Vocabulario esencial: Aprendizaxe de palabras e expresións cotiás.
- Comunicación práctica: Construción de frases sinxelas para situacións comúns da vida diaria, así como o desenvolvemento da comprensión oral e escrita.
- Interacción: Práctica de diálogos básicos.
- Cultura galega: Un achegamento á historia, as tradicións, a música, a gastronomía e as festas de Galicia.
O curso será impartido pola técnica do Servizo de Normalización Lingüística de Valga mediante un sistema de avaliación continua. Unha vez superado con éxito, as persoas participantes recibirán un diploma oficial expedido pola Secretaría Xeral da Lingua.
O prazo de inscrición estará aberto ata o día 29 de xullo. As persoas interesadas poden anotarse presencialmente nas oficinas municipais ou chamando ao teléfono 986 55 94 56 (extensión 2016).

ES
EN