- Os douscentos mozos que participan na aventura foron recibidos polo alcalde, José María Bello Maneiro
- Tamén percorreron un tramo do Camiño Portugués a Santiago, entre O Pino e San Miguel

Valga, 30 de xuño de 2026.
Tralo seu arranque onte en Vilanova, os 200 participantes na Ruta Quetzal continuaron hoxe o seu percorrido polo territorio de Mar de Santiago e, en concreto, por Valga. Os mozos, que contan con algúns dos mellores expedientes académicos de España, puideron gozar dunha xornada de contacto total coa natureza e o patrimonio local.
A primeira hora da mañá os expedicionarios achegándose ata a fervenza de Parafita. Alí, descubriron esta xoia natural agochada nas ribeiras do río Valga, así coma os muíños restaurados na súa contorna e cos que antano se moía gran aproveitando a forza da auga.
A continuación, o grupo trasladouse ata O Pino para percorrer un tramo do Camiño de Santiago, de novo en pleno contacto coa contorna. Avanzaron polo fermoso Monte Albor en paralelo ao río Valga ata que o cruzaron á altura de Chenlo. No seu traxecto, pasaron pola igrexa de San Miguel e despois baixaron cara a Ponte Valga. Durante esta camiñada, os mozos estiveron acompañados polos concelleiros valgueses Malena Isorna e José Ángel Souto.
O momento institucional da xornada tivo lugar nos arredores da Casa do Concello. Alí, o grupo foi recibido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a concelleira Carmen Gómez, que fixeron entrega dun agasallo ao director da Ruta Quetzal, Íñigo de la Quadra-Salcedo. Bello Maneiro deu a benvida ao grupo de expedicionarios e desexoulles unha proveitosa estadía en Valga e, en xeral, en Galicia, animándoos a gozar ao máximo dos fermosos recunchos que temos na terra e tamén da nosa gastronomía.
De feito, aproveitando o seu paso polo municipio, Íñigo de la Quadra, achegouse ata o Bar Los Camioneros, para facerse cun molete de máis de oito quilos de pan de millo que, no xantar, ía repartir entre todos os participantes. "Este pan é un dos grandes tesouros da gastronomía galega", dixo.

ES
EN