Accessibility Tools

Todas

O PLAN MADRUGA OFRECE 30 PRAZAS PARA FACILITAR A CONCILIACIÓN DURANTE O VINDEIRO CURSO ESCOLAR

- O prazo para anotarse estará aberto entre os días 15 e 31 de agosto

- Nas actividades poden participar alumnos escolarizados no CRA de Valga e nos colexios Baño-Xanza e Ferro Couselo

 

Valga, 13 de agosto de 2026.

Comezando cos preparativos do vindeiro curso escolar, o Concello abre o prazo de inscrición no Plan Madruga, unha iniciativa enmarcada no programa municipal de conciliación que oferta un total de 30 prazas para o curso 2026/2027.

Este servizo diríxese alumnado escolarizado no CRA de Valga, no CEPP Xesús Ferro Couselo e CEIP Baño-Xanza. Desenvolverase de luns a venres (agás festivos e períodos non lectivos) ) entre o 9 de setembro de 2026 e o 21 de xuño de 2027, cun horario de 7:30 a 9:30 horas.

Con carácter xeral, as actividades terán lugar nas instalacións do CODI, aínda que no caso do CRA e do colexio Ferro Couselo, a actividade poderá levarse a cabo noutro emprazamento se reúnen o número mínimo de participantes.

Ademais de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar durante o período lectivo, o Plan Madruga aposta pola educación en valores coma igualdade, a tolerancia e o respecto mediante o desenvolvemento de actividades de carácter formativo e tamén lúdico.

O prazo de inscrición estará aberto entre os días 15 e 31 de agosto, dando prioridade ás familias en situación de especial vulnerabilidade e tendo tamén en conta outros factores coma a ocupación laboral dos proxenitores ou titores dos participantes. Para a posta en marcha do servizo requírese un mínimo de 12 inscricións.

O programa finánciase cunha subvención concedida pola Xunta de Galicia a través do Plan Corresponsables, xunto con aportacións do Concello e das propias persoas usuarias.

As tarifas mensuais establecidas son de 25 euros mensuais para persoas empadroadas en Valga e de 37’50 euros para veciños doutros concellos.

Sobre esta taxa, están establecidas bonificacións do 20% nos seguintes casos:

  • Familias co título de familia numerosa.
  • Familias monoparentais.
  • Participantes con discapacidade igual ou superior ao 33%.
  • Familias con dous ou máis fillos inscritos.

Tamén se fixan bonificacións do 100% do prezo para familias en situación de vulnerabilidade usuarias dos Servizos Sociais municipais e familias acolledoras de menores.

Folla de inscrición