Accessibility Tools

Todas

VINTE E CINCO COIDADORES DE PERSOAS DEPENDENTES PARTICIPAN NO AUDITORIO NUNHAS XORNADAS FORMATIVAS

- A actividade gratuíta desenvólvese nun total de catro sesións ata comezos do mes de xuño

- O traballador social do Concello, Francisco Javier Gómez, explicou na xornada inaugural os recursos municipais dirixidos a este sector da poboación

ConCoidado1

Valga, 13 de maio de 2026.

As xornadas de saúde “Con coidado”, un programa formativo dirixido a coidadores de persoas dependentes promovido polo Servizo Galego de Saúde, coa colaboración do Centro Médico de Valga e o Concello, deron comezo onte no Auditorio coa participación dunhas vinte e cinco persoas, a maioría coidadoras non profesionais que están ao cargo de familiares maiores ou dependentes, pero tamén algunhas traballadoras de axuda a domicilio.

O obxectivo é que aprendan e se formen, pero tamén que saian, por momentos, dese rol de coidadoras e atopen ocos para as relacións sociais, para desafogarse e para sentirse apoiadas e acompañadas.

Esta actividade, que é gratuíta, desenvolverase en catro sesións, os martes pola tarde ata comezos do mes de xuño. A xornada inaugural incluíu dinámicas de presentación dos participantes, reflexións sobre o que significa para eles o envellecemento e a dependencia e explicáronse, tamén, os recursos dos que dispón o Concello enfocados a sector poboacional. O traballador social municipal Francisco Javier Gómez foi o encargado desta presentación.

O vindeiro martes centrarase na alimentación e nutrición de persoas dependentes, tratando problemáticas coma a disfaxia e o afogamento, entre outras. Tamén se abordarán os coidados da pel (cueiros e incontinencia; úlceras e a súa prevención) cunha enfermeira.

O 26 de maio terá lugar a penúltima xornada sobre prevención de caídas, dispositivos de apoio á deambulación e a importancia da actividade física tanto para as persoas dependentes coma para os propios coidadores. Esta sesión estará impartida por un fisioterapeuta e un adestrador.

Para clausurar o programa, a doutora do Centro de Saúde de Valga Ana Bravo falará sobre primeiros auxilios e unha psicóloga ofrecerá consellos de autocoidados.

ConCoidado2 ConCoidado3