Accessibility Tools

Todas

“THE CRASS” PROMETE UNHA FESTA RACHADA NO AUDITORIO CO SEU CONCERTO FOLK DESTE SÁBADO

- O concelleiro de Cultura e os fundadores da banda, Álvaro e Suso Costas, animaron hoxe a todos os valgueses a asistir á cita, que é gratuíta

TheCrass1

Valga, 13 de maio de 2026.

O Auditorio Municipal recibe este sábado, a partir das 20:30 horas e con entrada gratuíta, ao grupo “The Crass”, que ofrecerá un concerto que promete ser unha “festa rachada” liderada por Álvaro e Suso Costas, que esta mañá estiveron no Auditorio Municipal, para presentar a súa actuación en Valga, que marcará o arranque da súa xira nacional.

“The Crass” é, en palabras dos seus fundadores, “unha aposta polo folk e a música de raíz pero adaptada aos tempos e ao público actual”. Destacan, ademais, que a súa é unha música “sen maquinillos, un folk manufacturado ao instante, pero co mesmo poder que dan os aparellos que agora están de moda”. “Power folk” é a definición que empregan para referirse ao seu repertorio, que recolle músicas das diferentes nacións celtas (Bretaña, Escocia, Irlanda, Asturias e Galicia) para levar aos espectadores a unha viaxe sonora chea de enerxía.

O dos irmáns Costas é un proxecto xa consolidado que se remonta a 2010, cando se proclamaron gañadores do concurso Runas, para grupos emerxentes, no Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira para grupos emerxentes. No ano 2011 publicaron “Crastañazo”, un álbum co que foron nominados ao mellor directo nos premios “40 Principales” e, despois duns anos de maduracións, agora presentan oseu novo traballo “Mushroom Problem”, co mesmo concepto creativo pero cunha posta en escena renovada, “explosiva e moderna” na que introducen novos instrumentos coma o violín. O músico e produtor arxentino Federico Welicki (ao baixo), o baterista David Outumuro e o violinista Samuel Fernández acompañan Álvaro e Suso Costas sobre o escenario.

Valga será, este sábado, punto de inicio da xira "Mushroom Problem Tour 26" que percorrerá máis de vinte localidades de toda España: as principais cidades e vilas galegas, Burgos, Zaragoza, Vitoria, Santander ou o Festival Intercéltico de Avilés serán algunhas das paradas.

O concelleiro de cultura, Pedro Calvo, participou esta mañá na presentación do espectáculo e animou a todos os valgueses a achegarse o sábado ao Auditorio  para gozar “con este grupo punteiro da música celta en versión do século XXI”. O edil sinalou que esta actuación chega a Valga a través do programa +Música da Deputación de Pontevedra. “Grazas a iniciativas coma esta e a entidades coma a Deputación concellos pequenos coma o noso poden contar con grupos deste nivel”.

TheCrass2 CartazTheCrass