- Delegacións das dúas localidades chegaron esta semana a Valga para participar nas actividades festivas
- Esta tarde tivo lugar no Salón de Plenos unha recepción oficial

Valga, 28 de agosto de 2026.
Con motivo da celebración da XXXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País, Valga convértese no punto de encontro dos seus pobos irmáns e recibe a visita de senllas delegacións procedentes da localidade homónima de Valga (Estonia) e de Prat de Comte (Tarragona).
Dende terras catalás desprazouse case toda a Corporación Municipal de Prat de Comte, encabezada polo alcalde Miquel Trilla, a quen acompañan a tenente de alcalde Montse Subirats, os concelleiros Jordi Viña e Juan Francisco Pallarés, e o técnico municipal Pepe Solanes. A delegación estonia está integrada por Tōnu Vahtra, técnico municipal, e polo responsable de Comunicación, Andero Ojamets.
O Salón de Plenos da casa do concello acolleu esta tarde a recepción oficial presidida polo alcalde, José María Bello Maneiro, quen estivo acompañado polos concelleiros Román Castro, Carmen Gómez, José Ángel Souto, Pedro Calvo e Malena Isorna. Durante o acto, Bello Maneiro deu a benvida aos visitantes e procedeuse ao habitual intercambio de agasallos institucionais. O rexedor valgués obsequiou aos convidados con senllas botellas conmemorativas da XXXVI Mostra da Caña do País, ademais doutros regalos entre os que se atopaban a bandeira e a insignia de Valga
Dende Tarragona, Miquel Trilla trouxo a Valga un autorretrato do pintor Joan Lahosa, orixinario da súa localidade, e agradeceu "o trato que recibimos cada vez que vimos a seguir descubrindo este territorio". Trilla aproveitou tamén a ocasión para convidar oficialmente á Corporación de Valga a asistir no mes de outubro á Festa de l'Aiguardent.
Pola súa banda, o representante de Estonia, Tōnu Vahtra, entregou a Bello Maneiro unha imaxe do monumento situado na fronteira entre a Valga estonia e Valka (Letonia), símbolo da unión de dúas cidades que comparten historia e nome. Dase a circunstancia de que Bello Maneiro e Carmen Gómez asistiron, fai dous anos, ao acto de inauguración deste monumento durante unha visita institucional á Valga estonia. Vahtra destacou a importancia de seguir reforzando este irmandamento por consideralo unha experiencia enriquecedora para ambos pobos.
Durante a súa estadía en Valga, os representantes destes dous pobos irmáns visitaron diferentes lugares e infraestruturas locais coma o Belén Artesanal, a lagoa Porto Piñeiro ou o Auditorio Municipal. Tamén aproveitaron para achegarse a Santiago e para acudir, hoxe, á romaría dos Milagres de Requián. Ademais, asistiron á precata e á cata final do Concurso da Caña do País e mañá, ademais, de participar nos actos da Festa da Anguía e Mostra da Caña, percorrerán en barco a ruta marítimo-fluvial Mar de Santiago.


ES
EN