Accessibility Tools

Todas

AS ACTIVIDADES DE CONCILIACIÓN DESPÍDENSE COA VISITA DE PROTECCIÓN CIVIL E DO CLUB ACUÁTICO UMIA

- Os nenos puideron coñecer como é un vehículo de emerxencias por dentro e activaron as sereas e os sinais luminosos

- A entidade deportiva animounos a probar o socorrismo nas súas xornadas de portas abertas de setembro

b66e6992 edde 4167 89fe 70a0798eef0f

Valga, 28 de agosto de 2026.

As actividades de conciliación de verán organizadas polo Concello chegan á súa fin despois de semanas cheas de aprendizaxe e lecer. Nestas últimas xornadas, os rapaces participantes gozaron de dúas actividades que puxeron o broche de ouro.

A primeira das citas contou coa presenza da Agrupación de Protección Civil de Valga, que desprazou un dos seus vehículos ata o recinto do colexio Baño-Xanza para que os nenos puideran exploralo por dentro e accionar a serea e os sinais luminosos. Durante a visita, os membros de Protección Civil ofreceron unha demostración adaptada aos cativos, explicándolles como actúan en situacións de emerxencia ou realizando outros labores que teñen encomendados. Recalcaron a importancia de chamar ao número de emerxencias 112, como reaccionar ante un incidente e déronlles uns consellos básicos de seguridade.

O deporte tomou o relevo da man do Club Acuático Umia, de Caldas de Reis. A entidade desprazou ata o centro educativo ao directivo David Varela, ao segundo adestrador Abel González e a un grupo de deportistas entre os que figuraban os valgueses Elia Loureiro e Iria Aboy, xunto a Amelia e Brais Santos. A delegación do club achegou aos rapaces os segredos do salvamento e socorrismo, unha disciplina deportiva derivada que combina a natación co manexo de material de salvamento (como manequíns, aletas ou tubos de rescate) tanto en piscina como en praias e espazos naturais.

Trala explicación teórica, os deportistas organizaron diversos xogos prácticos cos que puxeron a proba as habilidades dos cativos. Para rematar a xornada, dende o Club Acuático Umia animaron aos nenos e mozos de Valga a probar este deporte e a participar nas xornadas de portas abertas que celebrarán os días 8, 10 e 11 de setembro na piscina municipal de Caldas.

ClubUmiaEV1 ClubUmiaEV2