- O alcalde e a conselleira de Política Social presentaron este proxecto “pioneiro”, que inclúe un centro de investigación e unha área de recuperación do ictus
- Fabiola García anunciou que Valga recibirá, ata 2028, 550.000 euros a maiores para financiar o servizo de Axuda no Fogar
Valga, 4 de xuño de 2026.
Valga contará cunha residencia con 150 prazas. Emprazarase no lugar de Gándara (Cordeiro), nunha parcela de 9.000 metros cadrados, e ademais do centro asistencial para persoas maiores e dependentes, o complexo incluirá un Centro de Investigación e outro de recuperación do ictus. O proxecto foi presentado este mediodía polo alcalde, José María Bello Maneiro, e a conselleira de Política Social, Fabiola García. Acompañáronos no acto, celebrado nos terreos nos que se edificará a residencia, o director xeral de Maiores, Antonio Acevedo, os concelleiros Carmen Gómez, Malena Isorna e José Ángel Souto, persoal dos departamentos de Servizos Sociais e Urbanismo do Concello, do CODI e do Centro de Día. Tamén participou Óscar Neira, conselleiro delegado da empresa Serge Lucense, que será a encargada de desenvolver o proxecto a través dunha colaboración público-privada.
“Vai ser un proxecto pioneiro en Galicia”, sinalou Neira, que combina a residencia cun Centro de Investigación e outro de Recuperación do ictus. Nestas dúas últimas áreas estableceranse convenios coas universidades galegas que convirtan a este centro “nun polo de innovación para Valga e para Galicia”, con aulas de formación e cursos, entre outras iniciativas. O investimento rondará os 10 ou 12 millóns de euros e o resultado será un edificio de entre 7.500 e 8.000 metros cadrados construídos en dúas plantas e dividido en módulos nos que se establecerán varias unidades de convivencia.
“En cada unidade, que contará con habitacións, zona de comedor e sala de estar, convivirán un máximo de 25 ou 30 usuarios para fomentar o benestar e confort dos usuarios. Ademais, algunhas destas unidades terán usos específicos, coma a de psicoxeriatría, para perfís especiais de xente con demencias ou alzheimer, que requiren doutro tipo de coidados”, explica o conselleiro de Serge.
Óscar Neira indicou que “estivemos barallando diferentes ubiacións en Galicia para este centro e, finalmente, decantámonos por Valga polas facilidades que nos ofreceu o goberno local e pola ubicación estratéxica deste concello”.
Para o alcalde, Bello Maneiro, hoxe foi “un día de moita alegría e satisfacción” xa que “seguimos cubrindo expectativas” en materia de servizos sociais: “Centro de Día, centro para persoas con discapacidade, servizo de axuda a domicilio, actividades de envellecemento activo…”, enumerou o rexedor, que lembrou unha recente noticia publicada polos medios de comunicación na que se sinalaba a Valga coma o concello de Arousa que máis recursos destina a servizos sociais.
O rexedor agradeceu á conselleira que “sempre se amose receptiva ás demandas de Valga” e comprometeuse a axilizar os trámites ao máximo para que “poida verse algunha máquina sobre o terreo antes de rematar este 2026”.
Fabiola García centrou a súa intervención na importancia de que as persoas maiores poidan recibir a atención e coidados que precisan sen saír no seu entorno, algo que, cando esta residencia entre en servizos, estará ao alcance dos valgueses. Isto atribúeo a conselleira ao “empeño constante do alcalde para ofrecer máis e mellores servizos aos seus veciños”.
García confirmou que, no seu momento, establecerase un concerto coa empresa para que parte das prazas desta residencia sexan públicas.
Ademais, anunciou que o Concello de Valga contará ata 2028 con 550.000 euros a maiores para financiar o servizo de Axuda no Fogar, en virtude do convenio de colaboración asinado recentemente pola Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

ES
EN