- O curso gratuíto foi organizado polo Concello co obxectivo de potenciar a formación no ámbito sociosanitario
- Os contidos abarcan dende a Lei de Dependencia, ata o traballo no fogar ou os primeiros auxilios

Valga, 6 de xullo de 2026.
Unha ducia de persoas participan dende hoxe e durante toda a semana no curso de “Atención a persoas en situación de dependencia”, organizado polo Concello a través do departamento de Servizos Sociais, co obxectivo de potenciar a formación no ámbito sociosanitario.
A actividade, que é gratuíta, ten un carácter teórico-práctico, co obxectivo de dotar aos participantes dos coñecementos, habilidades e competencias imprescindibles para facilitar a súa inserción laboral nun sector cunha demanda crecente, como é o das empresas de servizos asistenciais e as entidades do terceiro sector.
Esta xornada inaugural é impartida por Francisco Javier Gómez González, traballador social do Concello e coordinador do curso, con contidos relativos á Lei de Dependencia, o funcionamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) ou a ética social, entre outros.
Outro dos módulos centrarase no traballo práctico no domicilio e será impartido por persoal do Centro de Día de Valga. Explicaranse as técnicas esenciais de mobilización e ergonomía, hábitos de hixiene, aseo, alimentación e organización eficiente do fogar.
Ademais, tamén se inclúe formación en primeiros auxilios, para capacitar ao alumnado en soporte vital básico, xestión do botiquín e atención ante as feridas e lesións máis comúns. Neste caso, será impartida por persoal do Centro de Saúde de Valga.
En total, serán 20 horas de formación presencial. As sesións desenvólvense no Auditorio Municipal en horario de 9:30 a 13:30, agás a xornada centrada nos primeiros auxilios, que se impartirá nas dependencias do Centro Médico de Baño.

ES
EN