Accessibility Tools

Todas

O EXALCALDE CELESTINO CARBIA CAMPAÑA XA FORMA PARTE DO RUEIRO DE VALGA

- Familiares, veciños e autoridades locais déronse cita nun emotivo acto de recoñecemento

- O rexedor Bello Maneiro destacou “o traballo honesto e honrado” de Carbia “en favor dos veciños”

RúaCCarbia1

Valga, 3 de xullo de 2026.

A rúa que comunica a Casa do Concello co Parque Irmáns Dios Mosquera leva, dende hoxe, o nome de Celestino Carbia Campaña, que foi alcalde de Valga entre 1931 e 1933 e nunha segunda etapa en 1936. O actual rexedor, José María Bello Maneiro, e a única filla viva do homenaxeado, Elvira Carbia Barreiro, descubriron a placa que dende esta mañá, nun monólito de pedra, ao inicio da rúa.

Ao emotivo acto, co que se dá cumprimento ao acordo Plenario adoptado por unanimidade o pasado 23 de abril para recoñecer a figura de Carbia Campaña, asistiron varias xeracións da familia, membros da Corporación municipal, representantes de concellos da contorna, de entidades culturais coma a Fundación Rosalía e doutros colectivos de recuperación da memoria, ademais de veciños. O Auditorio do Museo da Historia, no que se realizaron as intervencións, quedou pequeno para albergar ao gran número de asistentes.

O alcalde deu lectura ao acordo plenario adoptado o día 23 de abril e puxo en valor “o traballo honesto e honrado” que levou a cabo Celestino Carbia durante a súa etapa como alcalde e tamén á fronte do Sindicato Agrícola de Cordeiro. “Traballou sempre en pro dos valgueses e era querido polos veciños, que é o importante”, destacou, por iso “é xusto que a Corporación aprobara este recoñecemento e que o fixera por unanimidade”. Ademais, Bello Maneiro lembrou que xusto nestas datas se cumpren dez anos dende que se incorporara a fotografía de Celestino Carbia á exposición de alcaldes de Valga que pode verse no Salón de Plenos.

O alcalde fixo entrega dunha copia deste acordo á filla do homenaxeado, así coma dun ramo de flores. Unha emocionada Elvira Carbia deu as “grazas a todas as persoas que fixeron posible este recoñecemento” e, en representación da familia, falou tamén Xiana Carbia, bisneta de Celestino, que destacou del que, “antes que alcalde, foi un home bo que entendía que quen máis tiña debía axudar a quen máis o necesitaba e por iso era coñecido coma o pai dos pobres, porque na súa casa nunca faltaba un prato de comida quen chamaba a súa porta”. Celestino, engadiu, sentiríase “orgulloso de que o seu nome xa forme parte para sempre da memoria de Valga” e sinalou o traballo levado a cabo pola familia nos últimos tempos para recuperar a súa figura e a súa historia, agradecendo ao Concello que fixera posible este recoñecemento.

Alcalde en dúas etapas e fundador do Sindicato Agrícola

Celestino Carbia Campaña foi alcalde de Valga entre 1931 e 1933 e tamén en 1936, ano no que se mantivo no cargo ata o 24 de xullo. Tralo golpe de Estado foi detido e padeceu persecución por razóns políticas e ideolóxicas. Estivo preso na illa de San Simón e foi xulgado en Pontevedra por rebelión militar e condenado á pena de morte polo Consello de Guerra.

O 11 de maio de 1937 foi fusilado en Monteporreiro e soterrado no cemiterio de San Mauro de Pontevedra. En 1977 a familia logrou que os seus restos foran trasladados a Valga, onde repousan no cemiterio de Cordeiro.

De profesión labrador, nos seus anos como alcalde levou a cabo unha serie de accións encamiñadas ao benestar do pobo. Por exemplo, a mellora das redes de comunicación ou estruturas que facilitasen aos veciños o coidado dos animais, xa que daquela a agricultura e a gandería eran a principal economía de Valga. Tamén conseguiu financiamento para a construción dun cuartel para a Benemérita.

Ademais do seu papel como alcalde, Celestino Carbia foi un dos promotores do Sindicato Agrícola de Cordeiro, entidade da que tamén foi presidente e a través da que se promoveron importantes obras para a parroquia contando con fondos da emigración valguesa en Arxentina e noutros países de América Latina: a escola de Ferreirós, que aínda hoxe mantén a súa actividade educativa; o local social do Sindicato e escola de mulleres (o actual Teleclub); o campo da festa de Cordeiro e a súa fonte de auga.

Recentemente, e en base á Lei 20/2022, de 19 de outubro, de Memoria Democrática, o Goberno de España vén de declarar nula a condena ditada no seu día contra Celestino Carbia Campaña, ao considerar ilegal e ilexítimo o tribunal que o xulgou, recoñecendo que padeceu persecución por razóns ideolóxicas durante a Guerra Civil.

RúaCCarbia2 RúaCCarbia3